Unha muller salta dun coche en marcha en Lugo para evitar que a súa ex parella a mate
O agresor puido ser detido horas máis tarde, mentres a vítima tivo que ser levada ao hospital polas lesións.
Axentes de Policía detiveron en Lugo un home de 36 anos de idade acusado de agredir e reter nun coche a súa ex parella, que saltou do vehículo en marcha para fuxir do seu agresor.
Segundo informaron fontes da Policía Local de Lugo, o suceso ocorreu preto da medianoite deste luns, cando unha muller chamou aos servizos de emerxencia indicando que, instantes antes, a súa ex parella a ameazara e a agredira, agarrándoa fortemente polo pescozo con intención de estrangulala no interior dun coche.
Ademais, a vítima explicou que o home a retiña en contra da súa vontade no turismo, polo que se viu obrigada a accionar o freo de man para logo saltar do vehículo en marcha.
Os axentes que se desprazaron ata o lugar prestaron auxilio á muller, que se atopaba "nun evidente estado de nerviosismo e ansiedade" e tiña lesións no pescozo, polo que foi trasladada a un centro hospitalario.
O home, que inicialmente fuxiu no vehículo, foi localizado e detido horas despois por funcionarios do Corpo Nacional de Policía e atribúeselle un delito de violencia de xénero e detención ilegal.
Escribe o teu comentario