Correos presenta un cuño dedicado a O Cebreiro
Nel pódese ver a Igrexa de Santa María a Real e forma parte dun grupo de cuños que Correos emitiu ao longo do Camiño de Santiago.
Correos presentou este venres un cuño dedicado á localidade lucense de O Cebreiro, co que a igrexa de Santa María a Real viaxará por toda España e o estranxeiro plasmada nas cartas e postais que se envíen desde a oficina deste municipio, así como nas credenciais dos peregrinos que os soliciten para certificar o seu paso por esta localidade.
Ao acto de presentación acudiron o director de zona de Correos, Anxo Pérez, o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo Páez, o alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo Magdalena, e o presidente da asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo, Angel Trabada.
O cuño de O Cebreiro, no que se pode ver unha imaxe da igrexa prerrománica xunto ao nome da poboación e a data do envío, forma parte dun grupo de cuño que Correos emitiu ao longo do Camiño de Santiago, entre os que tamén se atopa un dedicado a Lugo e outro a Sarria.
O cuño pódese solicitar na oficina de Pedrafita do Cebreiro tanto para os envíos que se realicen desde este lugar como para que os peregrinos poidan cuñar a súa credencial que certifica o seu paso por esta localidade.
Escribe o teu comentario