Envelenan o caudal do río Samo con lixivia para pescar ilegalmente
Arco Iris denuncia a aparición de dez recipientes de lixivia baleiros nas marxes da canle, que supostamente foi vertida previamente.
// Arco Iris
A asociación ecoloxista Arco Iris vén de denunciar a aparición de dez recipientes de lixivia baleiros nas marxes do río Samo, ao seu paso polo municipio de Frades (A Coruña), cuxo contido a entidade xulga foi arroxado á canle para envelenala e pescar ilegalmente.
Segundo informan os ecoloxistas, a lixivia vén sendo utilizada "desde tempo inmemorial" en Galicia para a pesca ilegal e é difícil de detectar, dado que "os peixes mortos son retirados do río tras a súa recollida con redes, para o seu consumo humano".
Ademais, apuntan a que esta práctica de pesca ilegal supón "un delito ambiental", penado con "graves sancións económicas".
"Un quilo de troitas pódese chegar a pagar a prezos superiores a 60 euros no mercado negro, pero na maioría dos casos úsase a lixivia para (máis tarde) preparar comidas de grupos numerosos, a pesar de que se deixan tramos enteiros de ríos en estado comatoso durante moito tempo".
Arco Iris tivo acceso a estas informacións a través dun pescador habitual deste río e colaborador da entidade, segundo apuntan nun comunicado, e foron corroboradas por outros pescadores e veciños da zona.
Os feitos puideron producirse na noite do luns, segundo as estimacións da entidade, e foron descubertos este martes a media tarde. Arco Iris xulga os feitos de "grave atentado ambiental", e asegura que se comunicaron inmediatamente á Garda Civil, a pesar de que "o Seprona non funciona en horario vespertino", o cal xulgan como un "grave impedimento para a persecución dos delitos, favorecendo a súa impunidade, ao transcorrer un tempo valioso para o esclarecemento dos acontecementos".
Escribe o teu comentario