Pedro Sánchez abarrota Ourense e proclama que esixirá "lealdade" aos perdedores
"Criticar a un secretario xeral é debilitar o partido e dar armas á dereita", afirma. Militantes das catro provincias gritáronlle: "non te rendas".
Pedro Sánchez, en Ourense. //Foto: @sanchezcastejon
O candidato para liderar o PSOE, Pedro Sánchez, sinalou este martes que se gaña as primarias "esixirá lealdade" no seu partido, porque "criticar a un secretario xeral é debilitar o partido e dar armas á dereita". Do mesmo xeito, nun abarrotado auditorio en Ourense, prometeu "lealdade" no caso de que os militantes socialistas elixan outro candidato.
Sánchez presentou en Galicia as propostas da súa candidatura a secretario xeral do PSOE no Auditorio do Edificio Politécnico da Universidade de Ourense e ante militantes chegados das catro provincias galegas que lle gritaron en repetidas ocasións "Non te rendas".
Ao comezo da súa intervención, Sánchez agradeceu o apoio das plataformas socialistas de Galicia, "porque transformaron a decepción en esperanza para recuperar o PSOE" nas primarias socialistas que se celebrarán no mes de maio.
O ex secretario xeral do PSOE instou a "mobilizarse" aos militantes para converter as primarias "no quilómetro cero do cambio" e "devolver" o partido "á senda que nunca debeu deixar: ser un partido de esquerdas, crible e autónomo". "Con este proxecto a situación do PSOE non estará á beira nin debaixo do PP. Estará á fronte da dereita", garantiu o socialista.
"MOMENTO TRANSCENDENTAL"
Para Sánchez o partido vive un momento "transcendental" na súa historia no que "só hai dous proxectos políticos: o PSOE da abstención ao PP e o que defende un partido autónomo, crible e que dea participación á militancia".
Neste sentido comprometeuse a que, se é elixido secretario xeral do partido, "as consultas á militancia sobre pactos electorais serán obrigatorias".
Tamén confirmou que non vai apoiar "os orzamentos" do Goberno de Mariano Rajoy e o fin do Concordato coa Santa Sé, polo que a Igrexa terá que "empezar a pagar impostos".
Pedro Sánchez tamén foi contundente á hora de reclamar "lealdade" ao que gañe as primarias socialistas. "Esixirei a lealdade que se lle debe a un secretario xeral, como ma esixirei a min mesmo se perdo", proclamou.
Para o socialista, "criticar o secretario xeral constantemente é debilitar o partido e dar armas á dereita". Por ese motivo, comprometeuse a "traballar todos unidos" desde o día seguinte "para derrotar a dereita".
ROCÍO DE FRUTOS: SÁNCHEZ, "UN REFERENTE POLÍTICO"
A deputada ourensá Rocío de Froitos, unha das que votaron 'non' á abstención, reivindicou a Pedro Sánchez como "un referente político" para os cidadáns" afeitos a políticos que menten por activa e por pasiva". "Un político que promete unha cousa e porque non a pode cumprir deixa o seu escano é unha persoa na que se pode confiar", reivindicou.
"Non somos neutros, situámonos e temos claro onde estamos, onde queremos ir e con quen quero camiñar", defendeu o portavoz socialista no Concello de Ourense, Ángel Vázquez Barquero.
O edificio Politécnico da Universidade de Ourense quedou pequeno ante os centos de persoas chegadas desde toda a provincia. Estaban presentes boa parte dos alcaldes socialistas, pero tamén acudiron centos de persoas do resto das provincias galegas que viaxaron en autocar ata Ourense.
Entre os asistentes atopábase o senador ourensán Luís García Mañá, a deputada autonómica Noela Branco ou Gonzalo Caballero, sobriño do alcalde de Vigo Abel Caballero, que apoia a Susana Díaz.
Escribe o teu comentario