Falece un condutor kamikaze na autovía entre Santiago e A Estrada
Chocou de fronte contra outro coche, cuxo condutor está grave no hospital compostelán.
Imaxe do accidente. //Foto: @emerx_galicia twitter
Un home faleceu tras impactar co seu vehículo contra outro turismo cando ciruculaba en dirección contraria pola AG-59, en Teo (A Coruña). O ocupante do outro coche resultou ferido grave.
Segundo informou a Garda Civil de Tráfico, o sinistro produciuse ás 20,36 horas do sábado no punto quilométrico 1 da AG-59 sentido A Estrada (Pontevedra). O atestado correspondente para tratar de determinar as causas elabórao o Equipo de Atestados do Destacamento de Tráfico de Santiago que o remitirá ao Xulgado de Instrución de Garda de Santiago.
O falecido, de 60 anos de idade, circulaba en dirección contraria co seu Mercedes Benz, mesma marca de automóbil que utilizaba o ferido, de 56 anos, e que foi trasladado a un centro hospitalario polos servizos de Urxencias Sanitarias 061 e que se atopa en estado grave.
O 112 Galicia foi alertado minutos despois do impacto por un particular que aseguraba que acababa de ter un golpe cun coche que viña en sentido contrario e que o outro turismo estaba parado un pouco máis atrás.
Ademais da Urxencias Sanitarias 061, o CAE 112 Galicia tamén alertou do suceso á Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Santiago e Teo, os Bombeiros de Santiago, o GES da Estrada e ao servizo de mantemento da estrada.
Escribe o teu comentario