Suxiren resolver os problemas de vandalización do busto de Fraga con cámaras de seguridade
Non descartan que o ataque sufrido a semana pasada puidese ser orquestrado por "grupos de fóra de Galicia".
O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, suxeriu que se poñan cámaras na rúa da Pravia, en Vilalba, onde se sitúa a fundación de Manuel Fraga e o busto do fundador do PP.
Estas declaracións prodúcense tras o ataque sufrido a semana pasada con pintadas no edificio que alberga a fundación e onde se atopa o busto de Fraga, uns actos que, segundo incidiu o subdelegado, "xa son repetitivos aí".
"A seguridade, non se se a nivel municipal, pódese poñer algún tipo de cámaras na zona que podería facerse", comentou o subdelegado do Goberno.
Neste sentido, Carballo mantivo que "a seguridade en Vilalba non é un tema alarmante". "Non se vai a montar ningún dispositivo específico por iso", sentenciou.
En canto á investigación, asegurou que "segue aberta", á vez que lamentou "que se produzan estes actos vandálicos, que xa son repetitivos aí en Vilalba, onde están o busto e na casa museo de Manuel Fraga". Así, Carballo destacou que a "Garda Civil vai seguir investigando o tema".
"Todas as vías seguen abertas, pode ser e barállase a posibilidade que sexan grupos que puidesen vir de fóra de Galicia. Ese é un indicio como outro. Tamén pode ser un acto vandálico e a Garda Civil vai seguir traballando para esclarecer os feitos, non hai ningunha pista que indique que poden ser de fóra e hai que descartalo", concluíu.
Escribe o teu comentario