O Goberno lembra á cidadanía "a necesidade de reducir o consumo enerxético"
No Día da Eficiencia Enerxética, chama a reflexionar sobre as "consecuencias sobre o medio natural e sobre a economía".
Este domingo 5 de marzo celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Con motivo deste día, a Xunta fixo fincapé na importancia de "sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade de reducir o consumo enerxético sen comprometer a súa calidade de vida".
E é que, tal e como indicou o Goberno galego nunha declaración institucional, este domingo 5 de marzo é unha data "idónea" para "reflexionar sobre o uso que lle damos á enerxía e para actuar en consecuencia".
"A medida que a sociedade avanza demanda cada vez servizos máis amplos e de maior calidade, o que implica un aumento do consumo de enerxía, polo que se fai imprescindible que a súa utilización sexa responsable, non só pola escaseza de recursos, senón tamén pola necesidade de preservar o medio natural", subliñou a Administración galega.
Entre os múltiples beneficios que achega a eficiencia enerxética é preciso destacar, asegurou a Xunta, os seguintes: reduce a factura de enerxía e incrementa a renda das familias, converténdose nunha ferramenta eficaz contra a pobreza enerxética; diminúe os custos de produción, favorecendo a competitividade das empresas; e mellora a taxa de autoabastecemento enerxético.
Ademais, proseguiu, reduce o dano ambiental e a contaminación que afecta á saúde das persoas. "Á vista dos magníficos recursos enerxéticos renovables dos que dispón a nosa comunidade, o reto da eficiencia enerxética pode converterse nunha oportunidade para xerar un tecido industrial moderno e competitivo", defendeu o Goberno galego.
E é que, destacou a Administración galega, "Galicia quere avanzar nos próximos anos cara a un modelo enerxético sustentable e orientado, a longo prazo, a unha economía baixa en carbono, cunha redución paulatina da utilización dos combustibles fósiles e no que o aforro enerxético e as enerxías renovables serán dous alicerces da política enerxética galega".
Para lograr este obxectivo, o Goberno galego necesita contar, fixo fincapé, con "a participación e colaboración da cidadanía". Para conseguilo, precisou, "van continuar desenvolvendo medidas de ámbito global para promover, concienciar e impulsar a cultura do aforro de enerxía e o seu uso racional".
"Deste xeito, os galegos e galegas dispoñerán de máis información e dos coñecementos necesarios que lles permitan racionalizar as súas actuacións no campo enerxético e valorar as súas consecuencias sobre o medio natural e sobre a economía", resolveu a Xunta.
Escribe o teu comentario