A falta de conservación ameaza os petróglifos
A asociación SOS Arte Rupestre Galega reclama que sexan declarados Patrimonio da Humanidade, porque consideran que é "a medida máis eficaz para garantir a súa supervivencia".
A asociación SOS Arte Rupestre Galega instou á Xunta a iniciar os trámites para que os petróglifos galegos sexan declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco dado que posúen "unhas singularidades que fan que brillen con luz propia no panorama da arte rupestre europea".
Esta organización realizou un informe no que alertan de que as zonas onde se asentan os petróglifos "demandan traballos de limpeza e mantemento para asegurar a súa conservación", xa que a "proliferación da matogueira e da arboleda na súa contorna" fai que se atopen "sen protección" cando se produce un incendio forestal.
E é que os incendios poñen en perigo a conservación deste patrimonio debido a que as altas temperaturas provocan a "ruptura das capas superficiais" das rochas onde están gravadas.
Ademais, SOS Arte Rupestre Galega sumou as "obras incontroladas" e os "traballos no monte sen adoptar medidas preventivas" ás ameazas ás que se enfronta a conservación dos petróglifos.
"A realidade que atopamos é que unha parte considerable dos nosos gravados rupestres corren un grave risco, non só de deterioración, senón de desaparición, fronte ao incumprimento da normativa por parte da Xunta e de moitos concellos", sinala no seu informe esta asociación.
Por tanto, solicitou o "compromiso" do Goberno galego para iniciar "xa" os trámites que consigan a declaración como Patrimonio da Humanidade da arte rupestre galega, "a medida máis eficaz para garantir a súa supervivencia".
Escribe o teu comentario