​(VÍDEO) Conchita, a avoa que máis celebrou o ascenso do Pontevedra a Primeira RFEF desde a súa cadeira de rodas

Cando lle digan que “é só fútbol” ensinen a Conchita e ao seu Pontevedra. O amor a unhas cores, a paixón que non se esgota a pesar dos anos, a calor da bancada… Fútbol. No seu estado máis puro.


|

Cando lle digan que “é só fútbol” ensinen a Conchita e ao seu Pontevedra. O amor a unhas cores, a paixón que non se esgota a pesar dos anos, a calor da bancada… Fútbol. No seu estado máis puro.


“Cando o Ponche baixou a Terceira, sufriu como só vina sufrir cando se foi o avó. Logo, con cada éxito, levouse as súas alegrías, que non están de máis”, di o seu neto, que compartiu o momento en redes sociais.


Conchita pontevedra

Conchita cos xogadores do Pontevedra CF | Foto: @JesuDominguez


Chegados a unha idade, máis tarde ou máis cedo, a dentadura comeza a resentirse. Xa non é o que era e a máis dun a boca aseméllaselle a, como diría Berto Romero, “as teclas dun piano vello”. Con ou sen dentes, en Pontevedra, hai que roelo. Sempre hai que roelo. Que llo pregunten se non a Conchita, a máis feliz onte na cidade do Lérez por ver de novo ao seu equipo, o Pontevedra CF, coroarse campión e regresar á división de bronce do fútbol nacional tras un ano, outro máis, no inferno.


UN ANO DE ROER E ROER

Non foi unha tempada fácil: unha división nova, con desprazamentos máis longos dos que viñan sendo habituais e un sistema que clasificación que mantén a todos intranquilos ata a última xornada. Non importa. O club granate sobrepúxose a todo para gañar no Grupo I da primeira edición da Segunda RFEF grazas a un empate en casa ante o Salamanca, cando só resta unha xornada para a conclusión da liga.



Co seu triunfo, o Pontevedra logra o billete para a Primeira RFEF, onde se relacionará con equipos da talla de Unionistas, Cultural Leonesa ou Real Unión de Irún. Con sorte, Rancig de Ferrol, Celta B ou Deportivo non se terán que ver as caras o curso que vén cos pupilos de Anxo Rodríguez.


SEIS ANOS LONXE DO PONCHE, O seu OUTRA FAMILIA

Pero a historia de hoxe non nos leva ao terreo de xogo, senón á bancada, onde estaba Conchita, na súa cadeira de rodas e coa máscara. Gardando todas as precaucións posibles, a veterana afeccionada do Pontevedra celebrou como a que máis o ascenso dos seus, aos que non puidera ir visitar no últimos seis anos, por problemas de saúde.



O seu neto, Jesús Domínguez, compartiu a historia en redes, coa súa avoa no centro da celebración xunto aos futbolistas na Praza do Teucro, que se achegaron a agradecer o fervor do seu incondicional. Entre cancións e “Dálle, dálle Ponche”, persoal e corpo técnico festexaron este fito para a entidade e a cidade de Pontevedra.


PAIXÓN GRANATE DE XERACIÓN EN XERACIÓN

“Fai seis anos que non vai a Pasarón por cuestións de saúde, pero sempre está alén da radio cando xoga o Ponche”, relata o seu neto en redes sociais. A de Conchita non é a historia do que hoxe se coñece como “sobe carros”, senón que o seu amor polas cores chega desde moito antes, de cando o Pontevedra era un matagigantes.


“Dígoo sempre que teño ocasión: na miña casa mamé fútbol grazas a ela, que contaba as historias do ‘Hai que Roelo’. Non vos vou a mentir; cando o partido non sae, manda aos xogadores "a sachar nas patacas"...pero sempre está. Sempre o vive, sente, pálpao, o sofre”, comenta Domínguez.


Un amor que supera todo e só pódese comparar coa familia: “Cando o Ponche baixou a Terceira, sufriu como só vina sufrir cando se foi o avó. Logo, con cada éxito, levouse as súas alegrías, que non están de máis despois desas cositas que a vida che pon no camiño cando vas cumprindo anos”. O seu outra familia, a de Pasarón, regaloulle este momento inesquecible, un máis, outro que contar e do que falarán os netos. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE