A “aldraxe” do Benidorm Fest é o enésimo “desprezo” a Galicia de RTVE, denuncia A Mesa
"Hai 31 anos que RTVE pechou a súa emisora de radio en galego e só emite en galego 39 minutos dun total de 120 horas, o que supón o 0,5% dos seus contidos diarios e o 0% dos contidos infantís e xuvenís”, recapitula Marcos Maceira, presidente da Mesa.
A Mesa pola Normalización Lingüística critica nun comunicado o trato da corporación pública a Tanxugueiras e ao conxunto de Galicia.
Esta polémica súmase á ocorrida hai uns meses en MasterChef ou os poucos minutos diarios de emisión en galego na canle.
Estudio de RTVE | Foto: EP
O ocorrido o pasado sábado na final do Benidorm Fest é a última, pero non a primeira polémica da RTVE con Galicia e o galego. O ente público ven protagonizando nos últimos meses máis dun encontrón coa comunidade coa lingua sempre como pano de fondo. A vitoria de Chanel para representar a Eurovisión, deixando a Tanxugueiras a un paso de Turín a pesar de ser as favoritas do público -tal e como evidenciou a votación popular, con 60 votos de 60 posibles- espertou o malestar da plataforma A Mesa pola Normalización Lingüística, que denuncia un novo “desprezo ao galego”.
Este “non é un caso illado na política lingüística e cultural de RTVE, senón unha mostra máis do desprezo que mostra o ente público polo galego”. "Hai 31 anos que RTVE pechou a súa emisora de radio en galego e só emite en galego 39 minutos dun total de 120 horas, o que supón o 0,5% dos seus contidos diarios e o 0% dos contidos infantís e xuvenís”, recapitula Marcos Maceira, presidente da Mesa.
Ao tempo, lembra o ocorrido recentemente en MasterChef, un dos buques insignia da cadea, onde houbo “tentativas de parodias co galego pagadas co noso diñeiro”. De feito, ese programa acabou non só acendendo o animo dos galegos en RRSS, senón que tamén fixo que a Xunta abrise unha investigación pola procedencia dos supostos produtos galegos que mostraban no programa.
"GALICIA NON EXISTE PARA RTVE"
"Galicia e o galego non existen para RTVE", lamenta Maceira. “De aí a reacción ao éxito dunha música e dun grupo capaz de chegar a todo o público sen apoio e mesmo contra o criterio excluínte da cadea pública".
A Mesa protesta contra RTVE | Foto: A Mesa
Desde A Mesa, que levan meses solicitado un encontro coa dirección de TVE para presentar persoalmente as reivindicacións da organización co galego, aínda permanecen á espera dunha resposta.
“Esta actitude contrasta coa dirección galega e co persoal de RTVE en Galicia, cuxo compromiso coa lingua galega está fóra de toda dúbida”, sostén Maceira. “Queremos galego na televisión que pagamos”, conclúe, á vez que avanza que A Mesa prepara protestas en varias cidades por este asunto.
Escribe o teu comentario