Galicia corta a súa serie de descenso cun leve repunte de casos activos; as probas PCR seguen á baixa
A comunidade galega sofre por primeira vez en seis días un lixeiro repunte nas súas cifras de casos activos ao pasar dos 2.789 de onte aos 2.805 desta xornada. Preocupa especialmente o descenso continuado no número de probas PCR realizadas polo SERGAS desde hai xa unha semana.
A comunidade galega sofre por primeira vez en seis días un lixeiro repunte nas súas cifras de casos activos ao pasar dos 2.789 de onte aos 2.805 desta xornada.
Preocupa especialmente o descenso continuado no número de probas PCR realizadas polo SERGAS desde hai xa unha semana.
Hoxe son 105 os novos positivos, uns algarismos un pouco peores en comparación cos 99 da xornada anterior, pero máis preocupantes se temos en conta que Galicia realizou case 1.100 PCR menos entre unha data e outra. Así, Galicia pechou o luns con 5.298 analisis PCR, a cifra máis baixa desde o 19 de abril.
A única xustificación para os números de onte neste capítulo é o día festivo pola celebración das Letras Galegas, unha explicación que, con todo, non vale para esa baixada que fixo decrecer o número de PCR practicadas de media cada día por baixo das 6.500.
A positividade sufriu, consecuentemente, outro repunte, ata o 1,98%. Aínda que non é especialmente agresivo, o dato que máis variou neste sentido é a positividade media semanal, que escala ata o 2,11%, un 0,11% máis que a xornada anterior.
Cunha subida de 16 casos activos máis en 24 horas, o outro indicador que sobe, aínda que dunha forma case imperceptible, é a incidencia acumulada a unha semana, que pasa dos 35,78 aos 35,86 casos por cada 100.000 habitantes, aínda moi lonxe dos 50 que marcan o risco alto.
En cambio, a incidencia acumulada a dúas semanas segue baixando, aínda que tamén cun descenso moi leve, do 0,04%, polo que se mantén nos 78 casos por cada 100.000 habitantes.
A pesar de todo, a media móbil semanal, en indicador que debuxa a tendencia na comunidade, segue mostrando uns valores esperanzadores. De feito, apenas se viu afectado por este leve repunte de pouco máis dunha quincena de casos máis. Así, leva xa doce días sen lanzar valores positivos, e hoxe o ritmo de descenso é do -0,8%, un 0,1% peor que onte pero un bo ritmo a pesar de todo. Desta maneira, Galicia avanza na súa desescalada a un ritmo lento pero constante.
PRESIÓN HOSPITALARIA
O repunte tampouco tivo unha incidencia directa nos hospitais galegos, que se manteñen nas 139 camas ocupadas por pacientes Covid. Si é máis significativo as poucas altas médicas que se concederon onte na comunidade con apenas 98 altas, a primeira vez que cae por baixo do centenar desde o 18 de abril.
Pola súa banda, hai que lamentar dous novos decesos que eleva o número de vítimas do coronavirus, sempre segundo as cifras oficiais da Xunta de Galicia, ata as 2.405.
Escribe o teu comentario