O coronavirus segue desbocado en Galicia e non hai ningún indicio sólido dun cambio de tendencia pronto
Os últimos datos de o coronavirus en Galicia non achegan ningún sinal claro de posible melloría. Polo menos non se bate outra vez o récord de positivos, que xa é algo, e de feito os diagnósticos baixan por vez primeira en catro días.
Os últimos datos do coronavirus en Galicia non achegan ningún sinal claro de posible melloría. Polo menos non se bate outra vez o récord de positivos, que xa é algo, e de feito os diagnósticos baixan por vez primeira en catro días.
Con todo, as cifras seguen sendo horribles, moito máis graves que as do repunte de outono. Segunda xornada consecutiva con máis de 1.000 positivos, o que contribúe a elevar todas as medias.
Así, a incidencia acumulada semanal ascende ata 213 positivos por cada 100.000 galegos. É o dobre da que había en Reyes e o seu ascenso é vertixinoso, moito máis virulento que na crise anterior, cando só se chegou a 172.
Abrindo o plano a dúas semanas, a incidencia acumulada sobe ata 331 positivos por cada 100.000 galegos. É practicamente a mesma que o máximo na crise de outono, coa diferenza que, salvo un milagre de enormes proporcións, esta subida está aínda lonxe de chegar ao seu pico. O valor deste indicador, quizais o máis importante, leva á alza desde pouco despois de Nadal. De feito, o seu nivel é máis do dobre que en Noitevella.
O SERGAS segue facendo o posible por frear ao virus, completando por segunda xornada consecutiva máis de 10.000 PCRS, algo que nunca conseguira antes. Con todo, este esforzo non se traduce nunha caída da positividade, que onte foi case do 10%, o terceiro peor rexistro desde a primeira onda.
A media semanal da taxa de positividade segue en ascenso, o que indica que o covid-19 está a crecer máis rápido que a capacidade da Xunta de facer PCRs. Un dato moi grave, pois indica que a Administración segue perdendo o pouco control que mantén sobre a propagación da enfermidade.
EVOLUCIÓN DOS CASOS ACTIVOS
Un mínimo raio de esperanza se atisba na gráfica de porcentaxe de cambio diario de casos activos. Noutras ocasións, esta foi a gráfica que primeiro reflectiu cambios de tendencia que logo confirmaron outros indicadores.
Pois ben, o crecemento de casos activos é do 6,4%; a súa menor porcentaxe en catro días. Non é suficiente para facer caer a media semanal, que de feito sobe de 6,2% a 6,7%. Con todo, a subida de casos activos leva xa seis días sen incrementos bruscos o que, con sorte, podería avisarnos de que o pico da media semanal estaría próximo.
Se a media semanal empezase a caer nas próximas xornadas, entón si teriamos o primeiro sinal, aínda que débil, dun cambio de tendencia.
CONCLUSIÓNS
Con todos estes datos sobre a mesa, pódese inferir que:
- O covid-19 continúa á alza en Galicia segundo todas as medias. Que hoxe contemos menos positivos que onte non é significativo para especular cun cambio de tendencia.
- O SERGAS segue sen ser capaz de facer baixar a taxa de positividade pese ao notable esforzo en PCRs. Algo moi perigoso, pois implica que cada vez máis pacientes asintomáticos escapan das redes de detención, alimentando o rebrote.
- O groso das consecuencias do repunte do Nadal aínda non se deixa notar nas plantas dos hospitais. Aínda máis lonxe queda o pico nas UCIs. Algo moi preocupante, pois algunhas, como a do CHUAC, xa está ao 75% da súa capacidade.
- Así as cousas, é probable que pronto vexamos medidas excepcionais mais alá da suspensión de operacións non urxentes xa prevista na Coruña, Santiago e Ferrol e a apertura de novas plantas covid. A apertura de hospitais de campaña é algo que, a estas alturas, ninguén pode descartar.
ÚLTIMOS DATOS POR ÁREAS SANITARIAS
Por vez primeira na pandemia hai cinco áreas sanitarias galegas que suman máis de 100 casos confirmados por PCR nun día: Ferrol (108), Ourense (160), Santiago (163), Vigo (181) e A Coruña (251).
O salto na Coruña, con 251 diagnósticos, é o maior que se lembra. A isto contribúen os pésimos datos da cidade, pero tamén de municipios da súa periferia como Arteixo, Cambre ou A Laracha. Máis análise en detalle das cifras a nivel municipal e de área sanitaria nuns minutos en Galiciapress.
Escribe o teu comentario