Contidos educativos para os estudantes na segunda canle da TVG
A páxina da CRTVG ofrecerá a partir deste martes o bloque educativo que emite a G2 como apoio aos estudantes galegos mentres os centros escolares permanecen pechados e atendendo ás restricións para loitar contra o coronavirus.
Inclúen “Aquelando tamén quedamos na casa”, versión do programa de divulgación científica “Aquelando”, creada para o actual confinamento
“Era unha vez... o home” e “Era unha vez... os exploradores” serán dous das series que emita a CRTVG estes días
HORARIOS
Disto informa a CRTVG nun comunicado, no que explica que os usuarios da páxina web poderán seguir estes contidos desde calquera soporte en emisión simultánea coa G2, de luns a venres e entre as 11,00 e as 13,00 horas.
En colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, esta iniciativa, posta en marcha pola G2 este luns, facilita unha oferta de programas en áreas como a xeoloxía, a historia, a experimentación ou o mundo animal. Ademais, os contidos iranse ampliando coas achegas do sistema educativo galego.
Deste xeito, a través da web da CRTVG, poderase seguir inicialmente, entre outras, as propostas educativas do programa 'Xeoclip', dos espazos de divulgación científica 'Aquelando tamén quedamos na casa' e 'Aquelando', así como as curiosidades do mundo animal que achega 'Criaturas'.
Escribe o teu comentario