Galicia ten máis vontade para falar galego que galegofalantes
Os datos da última enquisa do IGE reflicten que Galicia segue perdendo galegofalantes, cunhas cifras moi preocupantes entre os mozos, pero á súa vez desvela que a mobilización social para manter viva a lingua é a que sostén unha lingua “en crise”, como afirman desde A Mesa pola Normalización Lingüística.
Os datos da última enquisa do IGE reflicten que Galicia segue perdendo galegofalantes, cunhas cifras moi preocupantes entre os mozos, pero á súa vez desvela que a mobilización social para manter viva a lingua é a que sostén unha lingua “en crise”, como afirman desde A Mesa pola Normalización Lingüística.
Marcos Maceira e Sara Seco
O galego está tocado, pero non afundido. Ese é o resumo que se pode facer dos datos arroxados pola enquisa ‘Uso habitual e inicial do galego’ e que vén de analizar A Mesa pola Normalización Lingüística. Sara Seco, técnica do observatorio de dereitos lingüísticos, e MarcosMaceira, presidente da plataforma, foron os encargadosde debullar a análise pormenorizada da organización, que recalcou que a lingua galega “está en crise” e que está sostida “pola mobilización social”.
Unha mobilización que, de non existir, provocaría unha“situación de desastre lingüístico”, como sostén A Mesa. Con todo, desde a plataforma acenden unha luz para a esperanza, ao considerar que esta crise é “reversible” e que as accións para darlle a volta á situación están en mans da Xunta se esta “acompaña a vontade social de reparación lingüística que demostran os datos da enquisa”.
PERDIDA DE FALANTES
Os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) non son nada alentadores, confirmando a perda de falantes, unha situación que se fai máis preocupante nos menores de 15 anos: case un de cada catro non sabe falar galego. Para A Mesa este é un dato “aterrador”.
O dato dispárase ata case un terzo dos nenos e nenas de entre 5 e 15 anos que din non saber escribir en galego, mentres o 18,3% admite non saber lelo. Tanto a nivel oral como escrito e lido os datos negativos incrementáronse en comparación cos do ano 2008. Para A Mesa uno dos factores que motivou esta perda de galegofalantes é o Decreto do Plurilingüismo, que prexudicou o uso do galego e provocou “consecuencias terribles”.
Doutra banda, os datos reflicten que o galego se usa maioritariamente en privado, no ámbito familiar, mentres en servizos docentes, bancarios, comerciais ou sanitarios o seu uso descende ata un 15%. “Unha situación favorecida pola sistemática vulneración dos dereitos lingüísticos e pola exclusión do idioma en gran parte dos ámbitos de uso”, recalca Maceira.
HAI ESPERANZA
A pesar destes datos catastróficos, desde a plataforma aínda cren que hai solución, motivada pola vontade da sociedade en manter o galego. Así, reivindican o uso do galego na escritura “como práctica reparadora” tal e como se recolle na enquisa, onde unha parte da sociedade afirma escribir en galego “como un acto consciente”. “É unha acción de reposición e rehabilitación da lingua”, asegura Maceira.Con todo, esixen ao goberno autonómico que camiñe na mesma liña da sociedade. “O único amparo aos galegofalantes provén da propia sociedade”, recalca o presidente da Mesa, que considera esta mobilización social “a garantía de futuro para a lingua”.
Escribe o teu comentario