Levantado o segredo de sumario do caso das chantaxes en Facenda
O Xulgado de Instrución Número 3 de Santiago levantou o segredo de sumario no caso polo cal segue en prisión Asdrúbal Casares, inspector xefe da Axencia Tributaria en Vigo
O Xulgado de Instrución Número 3 de Santiago levantou o segredo de sumario no caso polo cal segue en prisión Asdrúbal Casares, inspector xefe da Axencia Tributaria en Vigo
As conversacións telefónicas intervidas -algunhas no seu terminal de traballo- ratifican as sospeitas dunha presunta trama corrupta, segundo adianta hoxe El Correo Gallego.
O denunciante que propiciou a operación policial asegura que "o inspector actuante, mediante actitudes ameazadoras, para a empresa inspeccionada, para os administradores da mesma, e para o propio apoderado (o economista denunciante), facía insinuacións de que era conveniente alcanzar un acordo previo á firma das actas, para evitar que subisen ata a contía de delito fiscal, manifestando que se lle fixaría unha oferta económica importante para lograr a regularización da situación".
Un suposto modus operandi que se asemella ao relatado por algún dos empresarios que se din prexudicados durante os anos que operou o grupo. Entre outros, os creadores das defuntas Blu Sens e Redcom.
REXEITADA A PETICIÓN DE LIBERDADE CONDICIONAL
O levantamento do segredo de sumario apunta a que a xuíza non teme a que se destrúan probas por ser públicos os feitos investigados. Agora ben, mantén en prisión a Asdrúbal Casares, a pesar da petición do seu letrado, o que implica que ou ben teme que ao saír poida entorpecer a recollida de indicios ou evadir a acción da Xustiza.
Un dos seus presuntos colaboradores, o asesor fiscal de Vigo Francisco González, socio de Aserco e outras numerosas empresas de construción e asesoría, está libre -tras ser detido no seu día- pero cunha fianza de 120.000 euros.
Escribe o teu comentario