O SERGAS usará Intelixencia Artificial para diagnosticar cancro
A sanidade pública galega aspira a ter unha ferramenta capaz de reducir os falsos positivos que se dan en patalogías como o cancro de mama.
A Consellería de Sanidade licitou un contrato para a "a detección do cancro baseándose na análise de imaxes (de diagnóstico ou de microscopía) utilizando técnicas de intelixencia artificial ". O SERGAS prevé gastarse ata 600.000 euros nesta innovadora ferramenta.
Mamografía | Bill Branson, National Cancer Institute
De ter éxito, sería unha das primeiras veces que as novas técnicas de big data e Intelixencia Artificial teñen unha aplicación real, concreta e práctica, no diagnóstico do cancro en Galicia.
CANCRO DE MAMA
O SERGAS aspira a ser capaz de detectar cancro a partir das mamografías dixitais e outras imaxes dixitais de anatomía patolóxica. Entre outras cousas, o proxecto debe ser capaz de identificar un método estatístico e modelo basee para cada tipo de estudo de imaxe.
O obxectivo non é só quedar neste modelo teórico, pois o contrato ofertado busca unha "solución tecnolóxica final" integrada na plataforma ADICAD, que xa utiliza o SERGAS. Ademais, esta ferramenta debe ser "construída con casos reais e usuarios finais designados polo SERGAS". O prazo para logralo é de 15 meses a partir da adxudicación do contrato, aínda en tramitación.
Os detalles máis concretos do contrato iranse negociando entre a Xunta e os licitadores. E é que o SERGAS saca o contrato a concurso mediante diálogo competitivo, que permite ir perfilando aos poucos a solución final.
FALSOS POSITIVOS
A detención de cancro de mama e outras enfermidades é un dos campos típicos da Intelixencia Artificial. O SERGAS busca aplicala a imaxes de tumores para lograr "a redución dos falsos positivos e falsos negativos no cribado de cancro de mama" e tamén no seguimento de pacientes sospeitosos de poder desarrallarlo.
Hai anos que Galicia traballa neste campo, por exemplo a través de a Rede Galega de Investigación sobre Cancro Colorrectal (REGICC), coordinada por Alejandro Pazos, catedrático de Intelixencia Artificial da UDC.
NOVAS LICITACIÓNS EN MARCHA
Este novo contrato forma parte do programa Código 100. Produto dun convenio entre o Servizo Galego de Saúde e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades,o 80% dos fondos veñen da unión Europea.
A Xunta prevé sacar outras doce licitacións ao amparo deste programa, por valor de máis de 6 millóns de euros, en campos como biotecnoloxía, a intelixencia artificial, a realidade virtual e big data.
Escribe o teu comentario