O ex-dono da inmobiliaria Mahía enfróntase a 12 anos de prisión
Quen foi o empresario detrás da explosión urbanística de concellos como Ames ou Barbadás enfróntase a un novo proceso penal.
Centro Comercial Montebalado, unha promoción de Mahía
O 'caso Mahía' volve poñerse baixo o foco xudicial a partir deste mércores 24 de outubro, xa que a Sección Sexta da Audiencia en Santiago xulgará ao que fose administrador único de Mahía Inmobiliaria, Ramón López Casal, e a outros cinco acusados. Atribúenlles delitos de administración desleal, apropiación indebida e delito societario por desviar negocio a outras firmas e prexudicar a un socio.
PERIPLO XUDICIAL
O 'caso Mahía' leva anos nos xulgados con distintas ramas en diversas zonas de España. Por exemplo, catro anos atrás, o Tribunal Supremo ratificou a condena interposta pola Audiencia de Valladolid contra López Casal e o alcalde de Arroyo de la Encomienda, José Manuel Méndez Freijo, por senllos delitos de suborno, en ambos os casos, e de prevaricación no segundo polo denominado 'caso Arroio'.
Para a rama que agora se abordará en Santiago, o escrito da Fiscalía remóntase ao 27 de novembro de 1989, cando se constituíu a sociedade Mahía Inmobiliaria, cuxo obxecto social era a promoción, construción de vivendas e adquisición de todo tipo de leiras, cunha composición accionarial na que M.G.M. contaba co 34% de participación, E.C.C., o 33%, e A.B.C., o 33% restante.
Posteriormente, López Casal entrou no accionariado da empresa mediante a compra do paquete accionarial de E.C.C., ocupando desde ese momento o cargo de administrador único da empresa.
A partir do ano 1995, o escrito engade que se foi creando un grupo empresarial formado por múltiples sociedades "compartidas" nas que participaban tres socios. Así mesmo, apunta que o que fose dono de Mahía, en "eficaz colaboración" con PE.B.I., M.L.F., MA.R.P., I.R.P. E P.L.F. (os outros cinco acusados), creou un conxunto de sociedades mercantís nas que o socio denunciante (M.G.M.) non tiña participación.
DESVÍO INTENCIONADO
Unha vez en marcha as sociedades particulares antes mencionadas nas que "intencionadamente" non tiña participación M.G.M., os acusados mencionados, a través das mesmas, como apoderados, administradores ou socios, "desviaron o negocio de Mahía" e das empresas compartidas nas que tiña participación o querellante a outras firmas particulares transferindo o negocio inmobiliario con obxecto de "prexudicar economicamente" ás sociedades ligadas a M.G.M.
Así mesmo, o escrito recolle que as contas das sociedades compartidas mencionadas por acordo do acusado principal co resto de procesados "non teñen valor contable nin probatorio, non reflectindo a situación real das empresas".
Tales irregularidades contables, continúa, "impediron e impiden ao querellante coñecer as operacións económicas e a situación real das empresas compartidas", pois os acusados "de propósito subtraeron do coñecemento información contable e mercantil relevante", o que non permite coñecer as operacións que os acusados realizaron "en prexuízo" do socio demandante.
En concreto, constátanse movementos de fondos económicos desde as empresas compartidas coas non compartidas ou particulares, especialmente a favor da firma non compartida MP Grupo Inmobiliario, que recibiu préstamos das sociedades compartidas que non deveñan ningún tipo de interese, o que ocasionaría prexuízo ao socio denunciante, tendo en conta que a súa participación nas empresas compartidas achegábase aos 126.000 euros.
Por outra banda, concrétase que, entre maio de 2002 e febreiro de 2005 producíronse transmisións ou transferencias de activos desde M. Inmobiiliaria e M.Grupo Inmobiliario a favor das sociedades particulares ou propias dos acusados, coa transmisión de solares e parcelas por un prezo que estaría por baixo do mercado.
PETICIÓN DE PENAS E INDEMNIZACIÓNS MILLONARIAS
Tras o relato dos feitos, o fiscal conclúe que son constitutivos de delitos continuados de administración desleal, apropiación indebida e delitos societarios. Para o que fose administrador único de Mahía, pide penas de 12 anos de cárcere e, para o resto dos acusados, nove anos e nove meses de prisión, ademais de indemnizacións que superan os dez millóns de euros.
En concreto, para López Casal, por delito continuado de administración desleal, Fiscalía demanda 3 anos de prisión e, para o resto dos acusados, 2 anos e tres meses.
Pola apropiación indebida, solicítase para o principal procesado 7 anos de prisión e unha multa de 10 meses a razón dunha cota diaria de 30 euros. Para o resto de acusados, a pena que se pide é de 6 anos e multa de 30 euros diarios durante nove meses.
En canto ao delito societario, 2 anos de prisión para López Casal e unha multa de 30 euros diarios durante 10 meses. Para os restantes acusados, a pena que se demanda por este delito é de 1 ano e seis meses de cárcere, e unha multa de 7 meses a razón de 30 euros diarios.
Escribe o teu comentario