"Todo o mundo fala da maxia do Camiño e non o crees ata que o fas"
Durante o mes de xullo chegaron a Santiago de Compostela 50.868 camiñantes, segundo os datos da Oficina de Peregrinacións, case 3.400 persoas máis que o mesmo mes de 2017
A cola para entrar á misa atravesa a Praza dá Quintana todas as mañás | Imaxe: Eva Neira Carballo
Durante o mes de xullo chegaron a Santiago de Compostela 50.868 camiñantes, segundo os datos da Oficina de Peregrinacións, case 3.400 persoas máis que o mesmo mes de 2017. O perfil máis habitual de a peregrina e o peregrino é unha persoa de nacionalidade española (59,35%), que chega a pé (94,29%) á capital galega e que camiña desde Sarria (25,36%).
Ese é o caso de Raquel e Alba, dúas peregrinas procedentes de Madrid e Badaxoz respectivamente, que saíron fai cinco días de Sarria. Non camiñaron soas, senón que veñen coas súas familias e amizades.
A motivación principal de camiñantes é relixiosa (49,15%), seguida por relixiosa-cultural (41,36%) e só cultural (9,49%). As familias de Raquel e Alba pertencen ao primeiro grupo, de feito estaban na cola para entrar á misa da Catedral. Con todo, elas paseaban mentres pola zona vella, porque a súa motivación é cultural. Nos cinco días que completaron as cinco etapas do seu camiño cambiaron o seu parecer. "A min sorprendeume, a verdade. Pensaba que ía ser moito peor porque nós non vimos en modo relixioso, viñemos por vacacións familiares, pero ao final para purficarte un pouco, para atopar a paz contigo mesma", di Raquel.
Raquel e Alba, despois de camiñar de noite para chegar a misar | Imaxe: Eva Neira Carballo
A Alba, cámara ao pescozo, o que máis lle gustou do Camiño son as paisaxes. "Unha pasada. Cada vez que paramos facendo fotos e cando non tocaba parar, parabamos a facer máis fotos", conta.
Camiñan lentamente. Raquel leva unha venda no xeonllo, aínda que non lle preocupa demasiado. "Moi canso, iso si. Moita dor, moitas bochas... pero merece a pena", di. Aínda que parece que quen máis sufriu o Camiño foi a súa irmá, protagonista dunha das tantas anécdotas que gardan destes días. "Á miña irmá saíronlle moitísimas bochas nos pés. Estaba nunha parada, estaba o meu pai curándolle as bochas, e pasou un grupo de chinesas, mirárona e dixeron 'Woooooow', e empezaron a facerlle fotos", confesa entre risas.
Esta era a primeira vez que Alba visitaba Santiago. "A min o que me amolou un pouco é que estivese tan lonxe da entrada á cidade, porque vés e dis 'xa cheguei!' pero quédanche dous quilómetros máis aínda, e dis 'jolín, non chego!'". Para chegar a tempo á misa da Catedral, as mozas e as súas familias completaron a quinta etapa de noite. "A súa irmá, a miña e outra moza escondíanse detrás das árbores cando pasabamos nós. Miúdos sustos!", conta Alba.
O Camiño de Raquel acaba aquí. Visitará o Pórtico da Gloria e percorrerá a cidade nos días que quedan. Alba e a súa familia, en cambio, vanse a unha casa rural en Pontevedra, "e faremos un pouco de turismo por Galicia".
Jordi viaxará a Fisterra en autobús | Imaxe: Eva Neira Carballo
Tamén Jordi forma parte da maioría que parte do municipio lucense de Sarria. Natural de Tarragona, a súa idea incial era emprender o Camiño só, pero apuntouse un amigo. O que non sabían Jordi e o seu compañeiro é que ninguén fai o Camiño en soidade, e chegaron a Santiago nun grupo formado por tres señores brasileiros, dúas mozas madrileñas, unha inglesa e unha familia chilena.
Non sabían "como ía o dos albergues", polo que dubidaron entre as hospedaxes típicas do Camiño de Santiago e hoteis. "Ao final fixémolo en albergue e foi a mellor elección que puidemos facer porque coñecemos xente fantástica".
Aínda que o tarraconense non está afeito camiñar -confesa entre risas que vai comprar o pan en coche-, a experiencia foi inmellorable. "Todo o mundo antes do camiño fala da maxia do camiño e non o acabas de crer pero cando fas o camiño, é real a maxia do Camiño". Así, preguntado pola experiencia destaca sen pensalo a chegada ás pousadas. "Chegamos aos albergues a irmandade, a solidariedade, a xenerosidade, ese momento era máxico", recoñece.
Igual que Alba e Raquel, Jordi tamén é un recentemente chegado. Parece que ao chegar a Santiago, co vento, metéuselle algo no ollo, chancea. "Estivemos aquí coa bágoa para soltar". Eran dous cando empezaron e máis de dez cando chegaron. "Abrazámonos todos, moita emoción".
Aínda que durante o mes de xullo só o 0,34% das persoas que chegaron á cidade continuaron co Camiño de Muxía - Fisterra (como farán os compañeiros brasileiros que camiñaron máis de 800 quilómetros-, Jordi e o seu compañeiro visitarán o fin do mundo en autobús, desexando un Bo Camiño ás peregrinas e peregrinos que se atopen.
Escribe o teu comentario