Selección Feminina Galega de Rugby: "Mereciámonos unha portada como o resto de deportes"

O pasado 28 de abril a Selección Feminina Galega de Rugby 7 alzouse como nova Campioa de España na final disputada en Cullera (Valencia). 


|

Rugbyseleccion

Selección Feminina Galega | Imaxe: Federación Española de Rugby


O pasado 28 de abril a Selección Feminina Galega de Rugby 7 alzouse como nova Campioa de España na final disputada en Cullera (Valencia). Despois dunha primeira parte sen resultados, Mariana Romero marcou o punto da vitoria nun tempo no que a tensión se palpaba no ambiente. Venceron ás campioas de 2017, a selección madrileña.


“Foi unha loita ata o último segundo, onde houbo un ensaio e unha defensa moi dura” por parte das galegas, dixo a xogadora Jessica Martín en declaracións a Galiciapress. “Hai que ter unha defensa moi forte, porque en [rugby] 7 hai xogadoras moi rápidas”. Non deixar espazo e que as contrarias non “se coen” é primordial, xa que, como conta Martín, “recuperar un ensaio é moi difícil neste tipo de deportes”.


A vitoria da selección galega non foi coñecida pola fazaña en si mesma, senón que chegou ao público precisamente pola ausencia nos medios de comunicación. A publicación de Martín coa súa versión da portada dun xornal foi compartida en máis de 4.700 ocasións.




“En realidade era unha broma entre nós, pero fíxose máis viral do que pensabamos”, conta a deportista. “Mereciámonos unha portada como deberiamos, como o resto do deporte feminino galego”. As xogadoras critican a invisibilidade á que están sometidas, así como os múltiples estereotipos que rodean o seu deporte. “Critícannos por xogar ao rugby, un deporte de contacto, forte, con adestramentos de dúas horas tres días á semana, con preparación física cando non adestramos”, apunta Martín. “Non somos princesas que nos queixemos, somos guerreiras”, sentenza.


As actuais campioas de España dispóñense agora a cruzar a península para competir no campionato internacional Rugby Sevens Benidorm do 25 ao 28 de maio. “Esperamos ter un bo resultado alí, ou polo menos pasalo ben e que se difunda nos medios tamén”, declara Martín. O día 17, coincidindo coas Letras Galegas, celébrase en Ourense a Copa Xunta de Rugby 7, onde competirán as xogadoras cos seus respectivos equipos.


Para o futuro, ademais dos campionatos, Jessica Martín trasládanos os desexos das deportistas: “Que salga máis deporte feminino e que non haxa estereotipos. Que cada persoa poida facer iso que lle gusta se lle sae do corazón e ten ánimo”, conclúe.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE