As "trampas" das fusións de concellos

Desde a fusión ata agora o descenso do novo Concello de Oza-Cesuras foi do 3,79 % mentres que os do resto da súa comarca xa non crecen, nin sequera Betanzos, senón que retroceden un 2,63 %, polo que mentres o resto da comarca cae 4,10 puntos con respecto ao ano 2000 en Oza-Cesuras fréase o despoboamento á metade, deixando o diferencial en 1,16 puntos.


|

Desde a fusión ata agora o descenso do novo Concello de Oza-Cesuras foi do 3,79 % mentres que os do resto da súa comarca xa non crecen, nin sequera Betanzos, senón que retroceden un 2,63 %, polo que mentres o resto da comarca cae 4,10 puntos con respecto ao ano 2000 en Oza-Cesuras fréase o despoboamento á metade, deixando o diferencial en 1,16 puntos. 


Nos últimos días o Presidente da FEGAMP fixo unhas declaracións ao redor das fusións de Concellos nas que chegou mesmo a dicir que nas habidas en Galicia “hai trampa” porque a Xunta entregoulles unha serie de fondos importantísimos. Efectivamente, a Xunta de Galicia, como incentivo aos procesos de fusión de Concellos, creou un Fondo Adicional ao de Cooperación Local que para 2017 estivo dotado con 4.654.227 euros, dos cales se repartiron entre as 2 fusións existentes 1.341.736,20 euros. Son uns fondos importantísimos os recibidos, pero moito máis importantes son os 3.312.490,80 euros restantes que, ao non haber máis fusións, distribuíronse entre todos os Concellos de menos de 15.000 habitantes. Polo que se realmente as fusións fixéronse para recibir estes fondos en 2017 habería, polo menos, 2 máis, e non houbo ningunha, co que o argumento se cae polo seu propio peso.


Di o Presidente da FEGAMP que “se nos fusionamos todos isto xa non poderá ser”. Evidentemente, nesas cantidades non, pero el sabe que só polo feito de que os Concellos resultantes dunha fusión pasen dos 5.000 habitantes teñen un 17 % de aumento na súa participación nos tributos do Estado, ao que habería que sumar un 10 % adicional previsto na Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local. E a todo iso habería que engadirlle o aforro en gastos xerais, co que, en calquera caso, habería un importante impacto económico dirixido a mellorar a vida dos veciños, o que por si só debería ser incentivo suficiente para, polo menos, estudar esta posibilidade en lugar de rexeitala sistematicamente sen grandes argumentos.


O Sr. García aposta por compartir servizos como unha proposta “moito máis eficaz”. Pois ben, en Galicia o 65,5 % dos Concellos teñen menos de 5.000 habitantes, e para xestionalos contan con 1.934 concelleiros, o que supón 1 por cada 225 veciños. E di o Presidente da FEGAMP que a pesar de haber tanto xestor público o máis eficaz é xuntarse para compartir servizos. É dicir, trasladar o centro de decisións e desde ese punto en común xestionar a prestación dos servizos que haberán de recibir cada un. Pois parece que onde hai “trampa” é neste razoamento, xa que se trata de xestionar os servizos coma se fosen Concellos fusionados pero mantendo a mesma estrutura que hoxe en día, é dicir, os 1.934 concelleiros, de entre eles 202 Alcaldes que é onde creo que está a clave. 


E o argumento que se enfrontará a isto é que practicamente ningún destes concelleiros cobran, o cal cada vez é menos certo. Segundo os datos publicados polo Ministerio de Facenda en 2016 dedicáronse ao redor de 10 millóns de euros ao pago de soldos e asignacións por asistencia a sesións a concelleiras e Alcaldes de Concellos galegos de menos de 5.000 habitantes, experimentando un incremento aproximado ao 5 % nos últimos 5 anos. Polo que parece que este argumento de “maior eficacia” tamén cae polo seu propio peso.


Outra das declaracións feitas é a posta en dúbida da satisfacción dos veciños dos Concellos fusionados en Galicia. Do de Cerdedo-Cotobade aínda non temos datos con suficiente perspectiva como para facer unha comparativa fiable, pero do de Oza-Cesuras si. O primeiro o do freo ao despoboamento. Desde o ano 2000 ao 2013, data da fusión, Oza dos Ríos e Cesuras, en conxunto, tiveron un descenso de poboación do 8,87 % mentres que o resto de municipios da súa comarca tiveron un crecemento, sobre todo polo tirón de Betanzos, do 1,47 %, é dicir, había 10,34 puntos de diferenza. Desde a fusión ata agora o descenso do novo Concello de Oza-Cesuras foi do 3,79 % mentres que os do resto da súa comarca xa non crecen, nin sequera Betanzos, senón que retroceden un 2,63 %, polo que mentres o resto da comarca cae 4,10 puntos con respecto ao ano 2000 en Oza-Cesuras fréase o despoboamento á metade, deixando o diferencial en 1,16 puntos. Pero hai outro dato e son os resultados das últimas eleccións municipais celebradas xa tras a fusión. Así mentres o apoio ao partido que a promocionou incrementouse en máis de 1 punto o dos que se opuxeron retrocedeu a case 2. Co que non parece que haxa tanto descontento como nos tenta trasladar o Sr. García.



Ozacesuras 1

Fusión de Oza-Cesuras


Por todo isto creo que desde unha institución tan importante como a FEGAMP deberíase ser algo máis rigorosa no argumentario tanto á hora de cualificar como de descualificar determinadas opcións, sobre todo cando todos deberiamos ter claro que algo hai que facer porque quizais o que temos xa non vale. E se non vaiamos ao titular de prensa de hai uns días segundo o cal en 4 Concellos de Ourense xa hai máis farois que habitantes. E se non se pon remedio isto non fará máis que aumentar.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE