Medicina de precisión: secuenciarán o ADN de 5.000 galegos máis e investimento en Protonterapia
Ante o envellecemento dos galegos, que dispara o custo de ofrecerlles cobertura sanitaria, a Xunta está a apostar pola investigación xenética que permitirá identificar enfermidades moito antes, mesmo antes de que se manifesten, o que reduciría o custo dos tratamietnos.
A Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola medicina personalizada con dúas iniciativas crave: a ampliación do programa Xenoma Galicia, que sumará 5.000 novos participantes para o estudo xenético da poboación, e un investimento de 10,7 millóns de euros na dotación tecnolóxica do futuro Centro de Protonterapia, a infraestrutura sanitaria de referencia contra o cancro na comunidade.
O Executivo autonómico asegura que ambas as actuacións situarán a Galicia entre as rexións máis avanzadas en diagnóstico xenómico e tratamento oncolóxico de precisión.
Segunda fase do proxecto Xenoma
O programa Xenoma Galicia, impulsado polo Sergas e a Consellería de Sanidade, iniciará en febreiro unha nova fase de recollida de ADN co envío progresivo de invitacións a cidadáns da área sanitaria de Santiago e Barbanza. A través dun SMS con enlace ao portal informativo do proxecto, os seleccionados poderán reservar cita desde a aplicación Sergas Móbil para a extracción de sangue no seu hospital de referencia.
O obxectivo é alcanzar 5.000 mostras procedentes de todas as áreas sanitarias galegas ao longo de 2026, tras pechar 2025 con 2.000 voluntarios na etapa piloto. As mostras permitirán identificar xenes asociados a patoloxías hereditarias como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar.
Fontes da Xunta sinalaron que as probas xa realizadas durante a segunda fase, iniciada en abril de 2025, permitiron detectar cinco casos de novas variantes patolóxicas, tres relacionados con cancro hereditario e dous con hipercolesterolemia. Os participantes con resultados positivos foron derivados ao seu servizo sanitario para asesoramento xenético especializado.
As autoridades sanitarias explicaron que o banco de mostras de Xenoma alimenta o biobanco autonómico e facilita a participación de Galicia en ensaios clínicos de xenómica aplicada. Con iso, o Goberno galego busca consolidar unha infraestrutura científica que complemente as liñas de investigación do Chuac, o Clínico de Santiago e o Instituto de Investigación Sanitaria de Galicia (IDIS).
Máis de 10 millóns para o Centro de
En paralelo, o Consello da Xunta aprobou o plan de dotación de equipamento do Centro de Protonterapia de Galicia, que abrirá as súas portas previsiblemente en 2027. O orzamento, de 10,7 millóns de euros, destinarase a tecnoloxía de alta precisión en imaxe médica —TC e PET-RM—, equipos de radioterapia, electromedicina e mobiliario clínico.
O novo centro será o primeiro no sistema sanitario público español, segundo destacan portavoces autonómicos, e permitirá planificar tratamentos oncolóxicos con protones, unha técnica que reduce os efectos secundarios respecto da radioterapia convencional.
O investimento inclúe ademais 300.000 euros para equipamento electromédico e 280.000 para mobiliario e informática, así como 116.000 euros destinados aos sistemas de control de calidade e calibración de radiofísica. Desde o ámbito científico e médico valórase esta iniciativa como “un salto técnico e asistencial decisivo” que podería atraer a pacientes de fóra de Galicia, reducindo a dependencia de centros de referencia en Madrid ou Navarra.
O Centro de Protonterapia enmárcase na estratexia sanitaria da Xunta para converter Galicia en polo de innovación biomédica, xunto cos proxectos de medicina personalizada, a rede de biobancos e as plataformas de datos xenómicos. Aínda que o Executivo non concretou aínda a data de finalización das obras, Sanidade insiste en que o equipamento se licitará este ano e que o calendario “segue dentro dos prazos previstos”.
Escribe o teu comentario