Case 300.000 probas dentro do plan para a eliminación da hepatite C, que detectaron 372 positivos
Neste 2025, na cohorte nada entre os anos 1974 e 1983, de máis de 440.000 persoas, espérase unha prevalencia de infección activa do 0,14 %
A Xunta realizou máis de 283.000 probas desde a posta en marcha do plan para a eliminación da hepatite C, que permitiron detectar un total de 372 positivos.
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, participou este sábado en Vigo no XIX Curso en avances en infección VIH e hepatite C en Galicia, no que puxo en valor o traballo de detección precoz da hepatite C que realiza a Xunta a través do plan para a eliminación desta patoloxía posto en marcha en xullo de 2023.
Na súa intervención, destacou que, actualmente, ás persoas de 40 a 69 anos que acoden a consulta de atención primaria realízaselles un cribado cando deben realizar unha analítica por calquera outro motivo ou, se non é o caso, infórmaselles sobre a enfermidade para decidir se solicitar unha análise para a detección precoz da hepatite C.
A Xunta destacou que Galicia foi pioneira coa implantación deste cribado oportunista, iniciativa que a Alianza para a eliminación das hepatites víricas en España -conformada por sociedades científicas e asociacións de pacientes- pon como exemplo para o resto de sistemas sanitarios.
Neste 2025, na cohorte nada entre os anos 1974 e 1983, de máis de 440.000 persoas, espérase unha prevalencia de infección activa do 0,14 %.
Escribe o teu comentario