Condena ao SERGAS por contratar a un fisio como substituto, o mesmo día como eventual e prescindir del ao día seguinte
A altísima precariedade que soportan algunhas especialidades sanitarias na Saúde Pública dá pé a situacións kafkiano, pero poucas tan sanguentas como a soportada polo fisoterapeuta denunciante, que lle acaba de gañar o preito á Xunta.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (#TSXG) confirmou unha sentenza contra o Servizo Galego de Saúde (#Sergas) por un fisioterapeuta que, ao ter dous contratos nun mesmo día de distinta tipoloxía --primeiro como substituto e logo como eventual--, perdeu meses de traballo.
Desta maneira, o fallo con data de 23 de abril, contra o que cabe recurso ante o Tribunal Supremo, obriga á Administración a pagar a este profesional o salario que percibise durante o tempo que non exerceu e as costas do procedemento, até 1.000 euros.
Tal e como expón a sentenza, este fisioterapeuta foi contactado inicialmente o 19 de outubro de 2021 para cubrir unha incapacidade temporal da persoa titular da praza do centro de saúde de Fontiñas, en Santiago de Compostela.
Con todo, ese mesmo día non só tivo un contrato como substituto, senón que tamén tivo outro como persoal eventual, ao alegar o Sergas que a fisioterapeuta que se puxo de baixa só chamou aquel día "para avisar de que se atopaba mal e que non ía traballar". A incapacidade temporal colleulla posteriormente.
Desta maneira, o profesional afectodo empezou xornada cun contrato de substitución e finalizouna como eventual "por acumulación de tarefas". Así, cando finalmente a fisioterapeuta titular accedeu á baixa, o Sergas procedeu a chamar ao seguinte na lista de contratación, que fixo a substitución até o 7 de xaneiro. O demandante non traballou durante ese tempo, senón que só foi chamado para outros vínculos temporais puntuais.
O Sergas recorreu a sentenza de primeira instancia --ditada polo Xulgado do Contendioso Administrativo número 1 de Santiago e que daba a razón ao traballador afectado-- porque a incapacidade temporal non foi comunicada até despois de que o afectado finalizase a súa xornada, polo que nese momento "descoñecíase" si a fisioterapeuta titular "acudiría ou non a traballar ao día seguinte". Ademais, dixo que a primeira chamada para facer unha substitución "fora un erro".
Con todo, o TSXG desestima o recurso da Administración porque ve "indubitado e non discutido" que o nomeamento do demandante "obedeceu á necesidade de atender as funcións" da titular da praza durante a súa ausencia.
SATSE DENUNCIA "IRREGULARIDADES" NA CONTRATACIÓN
O sindicato de enfermaría Satse reivindica esta vitoria no TSXG --prestou asistencia xurídica ao afectado-- fronte ás "irregularidades que a Administración leva a cabo na contratación". Neste caso, porque o Sergas "tería que aplicar desde o primeiro momento un contrato de substitución"
Xunto con isto, tal e como explica a entidade nun comunicado, "saltouse a orde de prelación das listas de contratación, o cal é unha irregularidade". Neste contexto, Satse insta ao Sergas a "aplicar a normativa".
Escribe o teu comentario