Sanidade aspira a converter a Galicia en "líder en investigación" a nivel nacional
Gómez Caamaño, á fronte de Sanidade, subliña que Galicia debe "non só investigar máis, senón investigar mellor".
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo en valor a Galicia como "o maior polo de innovación asistencial de España" e engadiu que aspira a ser "líder en investigación".
Así o trasladou na xornada de presentación dos avances do proxecto INNOVATRIAL, co que o Sergas pretende responder aos novos retos da investigación clínica, buscando solucións innovadoras que sirvan como ferramenta de apoio na xestión de todo o proceso de ensaios e estudos de investigación biomédica.
INNOVATRIAL é unha iniciativa de compra pública innovadora que conta cun investimento de máis de 12 millóns de euros, financiados con fondos Next Generation. Na xornada deste martes explicáronse os avances das solucións innovadoras nas que están a traballar as dúas empresas adxudicatarias.
A actual fase de desenvolvemento de prototipos estenderase até novembro e, ao finalizar o proyeto, en xuño do ano que vén (tras a verificación dos tres institutos de investigación sanitaria de Galicia), a Consellería de Sanidade espera dispor dunha plataforma que abarcará de modo integral a xestión dos ensaios e os estudos clínicos.
Gómez Caamaño defendeu a importancia de apostar "con determinación" pola investigación sanitaria e biomédica, e este proxecto responde á vontade de" non só investigar máis, senón investigar mellor". Así mesmo, resaltou a necesidade de achegar a investigación á sociedade, remarcando o seu valor como xerador de emprego e crecemento industrial.
Nese sentido, novos tratamentos como as terapias avanzadas ou as células CAR-T esixen unha adaptación continua do sistema público de saúde e é necesario adecuar a organización, a tecnoloxía, a seguridade e a normativa para facilitar a realización de estudos científicos.
Gómez Caamaño destacou a aposta da Xunta por pór en marcha un sistema integrado de información da investigación clínica e lembrou que Galicia conta con tres institutos públicos de investigación sanitaria que promoven a investigación de excelencia e obteñen "magníficos resultados".
Escribe o teu comentario