(VÍDEO) "E ti, de quen vés sendo?" A campaña do Celta de Vigo para presentar a súa nova camiseta

O club vigués, que vén de romper con Adidas, estrea o seu novo equipamento con Hummel e un particular anuncio.


|

 

Non hai nada máis galego que escoitar aquilo de: "E ti, de quen vés sendo?". Explicar a procedencia de cada un implica mencionar á túa avoa, a que tiña unha tenda, á túa nai, que traballa nunha conserveira, ou ao teu pai, que era fillo dun mariñeiro ao que chamaban de tal ou cal forma. Non vale con dar os nomes e apelidos, senón que cada un é da súa casa, do seu pai e da súa nai, daquilo que o identifican. Sábenos ben en Vigo e sábeno ben na Sede, onde este ano, e tras máis dunha década con Adidas, o Celta de Vigo asinou con Hummel como o seu novo patrocinador, encargado de presentar a nova pel do club celeste.

 

 

E, para lanzarlla aos afeccionados, a marca de roupa deportiva botou man dun elemento que xa está no ADN do celtismo, como o seu himno do centenario, e de cada un dos recunchos desta comunidade autónoma, que incorpora á súa camiseta cos 313 municipios de compona. Desde Vigo até A Coruña, pasando por Moaña, Crecente, Touro, Narón, Neda, Laza ou Cervo, o espot publicitario fai un percorrido por toda a xeografía galega, a que lucirá a casaca local. 

 

De norte a sur e de leste a oeste, o Celta quixo homenaxear aos seus afeccionados e a todos os municipios galegos, incorporando o seu nome no primeiro equipamento, que incorpora detalles como uns cordóns simulados no pescozo da camiseta ou o inconfundible trisquel da caluga. "Unha camiseta para un país", promociona o Celta, á vez que subliña que a elástica "non pode ser máis de aquí".

 

O vídeo promocional xa correu como a pólvora e gañouse algún que outro alago, igual que a zamarra, xa á venda na súa tenda. No entanto, tamén foi obxecto de críticas, sobre todo polo escudo, que aparece termosellado e non bordado como habitualmente, algo que desgustou a algúns sectores da inchada celtiña. En calquera caso, só cabe esperar que a nova camiseta traia máis sortes e alegrías ao Celta que a do ano pasado, porque outro ano máis de infarto igual non o soportan os incondicionais de Balaídos...

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE