O mal uso de 'Viana del Bollo' ou 'Ginzo' é responsabilidade do Colexio de Rexistradores, responde a Xunta á Mesa
Desde A Mesa lamentan que isto non sexa "un feito aisllado", senón que se reproduce de maneira habitual na comunidade.
Ginzo de Limia, Viana del Bollo ou Sangenjo son algúns dos nomes deturpados máis habituais en Galicia, onde, a pesar das normas que marcan a academia e as normativas, moitas institucións aínda se resisten a utilizar os nomes oficiais dalgúns municipios. Así, podemos ver que correos electrónicos e oficinas liquidadoras locen aínda estes nomes deturpados, para ruborizo de moitos e enfado da Mesa pola Normalización Lingüística.
A plataforma buscou explicacións a que isto siga sucedendo e atopouse cunha comunicación da Xunta de Galicia onde admiten o uso destes nomes deturpados pero responsabilizando ao Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantil de España do seu uso. É a directora de la Axencia Tributaria de Galicia a que desliza as cargas ao outro organismo "por ser o propietario dos dominios que se empregan".
As explicacións, a pesar de todo, non resultaron satisfactorias para a organización, que acusa o Goberno de Galicia de "sinalar a terceiros as súas propias vulneracións" e "delegar responsabilidades" en lugar de facer cumprir a lexislación.
Desde A Mesa enténdeno como "un ataque directo que a Xunta está a permitir á lexislación que debe facer cumprir, entre as que se atopan a Lei de normalización lingüística, o Decreto para a recuperación e fixación da toponimia, o Decreto polo que se aproba o nomenclator ou mesmas sentenzas como a do Tribunal Supremo de 19 de setembro de 2001 ou do Constitucional de 21 de decembro de 1989".
"NON É UN FEITO ILLADO"
Marcos Maceira, presidente da Mesa, subliña que este "non é un feito illado" e que a estas institucións "ténselles que presupor o cumprimento escrupuloso da legalidade", especialmente cando "os seus membros son precisamente as persoas habilitadas para sinalar a localización e nome das propiedades".
"Os ataques á toponimia galega, única lexítima e legal adoitan ter o amparo do presidente da Xunta, que ten o deber de facer respectar a lexislación e promover a lingua galega", censura Maceira, lembrando ocorrer nos últimos anos na Toxa, que vincula ao "desprezo que sente o señor Rueda polo galego, por Galicia e polo mesmo cargo que ocupa".
Escribe o teu comentario