Hospitalizados graves por queimaduras os pais dun bebé de 10 días rescatados nun incendio en Cuntis
A pequena atópase ben e fóra de risco, mentres que o prognóstico para os pais, na unidade de queimados do CHUAC, é reservado.
A parella que resultou ferida o pasado sábado no incendio rexistrado na súa vivenda de Cuntis (Pontevedra) permanece ingresada en estado grave na unidade de queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, segundo confirmaron o alcalde da localidade, Manuel Campos, e fontes do Sergas.
A situación da parella é grave, xa que presentan queimaduras de segundo e terceiro grao en "practicamente todo o corpo", e as próximas horas e días serán decisivos na súa evolución, sinalou o rexedor. Con todo, desde o CHUAC confirmaron que a situación é estable dentro da gravidade, xa que non se produciu un empeoramento.
Mentres, a filla de ambos, un bebé de 10 días, resultou ilesa no incendio que se declarou no domicilio, e atópase a cargo dun familiar.
A alerta polo incendio produciuse á primeira hora da tarde do pasado sábado, cando un particular avisou ao 112 de que estaba a arder unha vivenda do lugar da Raxeira, na parroquia de Couselo.
O CIAE 112 mobilizou aos Bombeiros de Vilagarcía, Garda Civil, Emerxencias da Estrada e Protección Civil de Cuntis, ademais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia. Os efectivos sanitarios trasladaron a home e unha muller (un deles en helicóptero medicalizado), ademais dun bebé de poucos días. O incendio, que se orixinou nun radiador, afectou a parte da cociña da vivenda, ao teito e ás paredes.
Escribe o teu comentario