Os terreos portuarios deben pasar aos concellos, sinala Besteiro

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou á Xunta a negociar o traspaso destas parcelas ás administracións locais


|

El secretario xeral del PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, este viernes en Viviero (Lugo), junto a alcaldes de A Mariña y parlamentarios
 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou este venres á Xunta a negociar o traspaso aos concellos dos terreos portuarios sen uso e denunciou o abuso de seguir cobrando por eles.

"É o momento para que a comisión mixta entre Xunta e Estado trate a devolución aos concellos dos terreos portuarios que xa non están a ser utilización para esas actividades", afirmou sobre un problema que "arrastra anos de incumprimentos" por parte da Administración autonómica.

Así o trasladou este venres en Viveiro, xunto a alcaldes da Mariña e parlamentarios, onde se referiu ao feito de que o Goberno galego e o central estean a tratar os traspasos en materia do litoral para asegurar que ve unha oportunidade para elevar a ese foro unha reivindicación que en Galicia afecto a unha trintena de municipios, cunha superficie afectada que supera, en total, máis de 500.000 metros cadrados.

Son terreos que "poden e deben ser usados polos concellos para completar as súas mallas urbanas e para darlles utilidade creando servizos para a cidadanía", afirmou no acto, do que informou o PSdeG nun comunicado.

Neste sentido, considerou que esa comisión mixta é o "marco axeitado para resolver dunha vez por todas esa devolución que leva anos reivindicando o mundo municipal". Ademais, avanzou que se dirixirá tanto á Xunta como ao Estado para que inclúan este asunto nas negociacións.

Tamén apuntou que nas próximas datas, os socialistas impulsarán esta iniciativa nos diferentes concellos aos que afecta o problema, así como no Parlamento galego.

Xunto a Besteiro compareceron as alcaldesas de Viveiro e Burela, o alcalde de Foz, o senador César Mogo, a deputada Patricia Otero, a deputada provincial e alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, e o segundo tenente de alcalde viveirense, Jesús Fernández.

María Loureiro destacou a necesidade de poder xestionar desde o Concello terreos "totalmente abandonados", por exemplo, do antigo Casino para "poder humanizalos e darlles servizos aos veciños e veciñas".

Pola súa banda, o alcalde de Foz, Francisco Cajoto, denunciou que a Xunta "está a incumprir a lei e o compromiso que adquiriu coa Fegamp en 2021" e lembrou que Foz paga 81.000 euros ao ano por usar terreos portuarios para diferentes actividades.

Segundo detallaron os rexedores, no caso de Viveiro, a superficie nesa situación suma 25.000 metros cadrados, mentres que en Burela son 500 e en Foz 65.000.

COBRO DE TAXAS
O PSdeG sostivo que o cobro de taxas é precisamente un dos problemas que denuncian os concellos. Así, indicou que Portos segue obtendo ingresos pola cesión dos seus terreos, moitas veces cun importe desproporcionado que non só abonan as administracións locais, senón que tamén o fan entidades deportivas ou culturais, pero non asume nin o mantemento nin a limpeza.

A iso engádeselle un "uso partidista", denuncian os socialistas, xa que, conforme indican, a Xunta fai claras distincións entre os que lles permite desenvolver nesas superficies a concellos de diferente cor política.

Así, o PSdeG sinala que "son habituais os atrasos e dificultades cando algúns alcaldes solicitan autorizacións para realizar actividades ou para o desenvolvemento de proxectos". 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE