BNG acusa o PP de buscar o dominio dos medios públicos para manter "o control político"
A deputada nacionalista Olalla Rodil advertiu de que nas últimas semanas e días o PP, "está a pisar o acelerador pondo rádioa e a televisión públicas de Galicia ao seu servizo de maneira impúdica"
A viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, acusou ao PP de querer facer co "dominio absoluto" dos medios de comunicación públicos para "manter o control político" dos mesmos a través do anteproxecto lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que a Xunta impulsou o pasado mes de xullo e que considera un "asalto" á radio e á TV públicas e un "retroceso democrático".
"Pedirémoslle ao PP no Pleno do Parlamento a retirada do anteproxecto de lei da CRTVG, dándolles tamén voz ás organizacións e colectivos sociais que, desde que se coñeceu o texto da lei, viñan reclamando a súa retirada porque supón un enorme retroceso democrático e un asalto á radio e TV públicas de Galicia", denuncia Rodil, que acusa ao PP de querer seguir "instrumentalizando e pondo ao seu servizo" os medios públicos como "se se tratase do seu terminal de propaganda", afirmou.
Rodil advertiu, ademais, de que, nas últimas semanas e días o PP, "está a pisar o acelerador pondo rádioa e a televisión públicas de Galicia ao seu servizo de maneira impúdica".
Neste sentido, o BNG rexistrou pola vía de urxencia unha pregunta sobre a actitude dun directivo da Radio Galega que, despois da presentación do informe do Consello da Cultura Galega sobre o impacto da implantación de Altri no concello de Pas de rei, "atreveuse a cuestionar que esta institución pública tivese lexitimidade para emitir un informe sobre un proxecto destas características".
"Non sabemos si por ignorancia ou directamente mala fe", sinala Rodil, o que quedou claro, segundo a deputada foi "a intención de menosprezar e atacar un informe elaborado por unha institución estatuaria e por persoas de recoñecido prestixio académico e profesional".
A deputada nacionalista lembra que a CRTVG ten entre os seus deberes "a diferenciación clara entre opinións e informacións" ademais de "constituír un principio fundamental do xornalismo de calidade", tal e como se recolle na lexislación que regula a Corporación.
Por iso, na pregunta urxente, o BNG quere saber se o PP cre que se está respectando na CRTVG a separación entre información e opinión, se considera admisible en termos democráticos e xornalísticos que se use a Radio Galega e unha sección supostamente informativa para facer de altofalante das posicións do PP, e si vai adoptar a dirección xeral algunha decisión ao respecto.
RETIRADA DO ANTEPROXECTO
En canto ao anteproxecto de lei, cuxa retirada pedirá no primeiro Pleno da tempada o Bloque, o PP introduce "tres grandes cambios de maneira destacada", alertan, o nomeamento da Dirección Xeral, que se producirá por maioría absoluta, deixando en mans do Partido Popular en solitario o seu cambio; a supresión dos órganos de control e participación profesional; e por último, a posibilidade de uso de linguas diferentes ao galego, "o que supón un ataque directo aos dereitos lingüísticos de Galicia así como aos principios fundacionais da CRTVG desde a súa creación en 1984".
Rodil reclama a retirada deste anteproxecto de lei e pide que ademais "se abra un proceso de negociación política pero tamén de diálogo co conxunto da sociedade galega para pór os medios de comunicación públicos ao servizo dos seus únicos e lexítimos propietarios, que son as galegas e os galegos".
Escribe o teu comentario