O presunto autor do incendio de Oímbra pasará a disposición xudicial
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, fixo un chamamento á colaboración cidadá para facilitar información sobre posibles responsables dos incendios forestais que se están rexistrando en Galicia
O detido polo incendio de Oímbra non pasará, en principio, este venres a disposicion xudicial, senón que o fará este sábado ou mesmo o domingo, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (#TSXG).
A Garda Civil detivo a un home, veciño da Gudiña, como presunto responsable dun incendio forestal en Oímbra que calcina máis de 5.000 hectáreas e no que resultaron feridos tres brigadistas que permanecen ingresados.
Segundo informou o Instituto Armado, o home, de 46 anos, realizaba labores de limpeza e roza cun tractor cando se atopaba vixente o índice de risco extremo de incendio.
Ao home atribúenselle dous delitos de incendio forestal por imprudencia grave e tres de lesións graves, xa que tres brigadistas sufriron queimaduras e permanecen ingresados no complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac).
O GOBERNO PIDE COLABORACIÓN CIDADÁ
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, fixo un chamamento á colaboración cidadá para facilitar información sobre posibles responsables dos incendios forestais que se están rexistrando en Galicia. Até a data, informa, son tres as detidas pola Garda Civil e 22 as investigadas, un número que elevou tras informar inicialmente de dúas detidas e nove investigadas desde xullo.
Nun comunicado, remarca o labor estatal, a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, para desenvolver "un operativo intensivo para identificar e deter ás persoas responsables de provocar incendios forestais
Por outra banda, lembra que, no marco do dispositivo, a Garda Civil ha establecido un gabinete específico no Centro de Coordinación Operativa (CECOP) de Ourense co obxectivo de centralizar información, coordinar investigacións e reforzar a colaboración cos servizos de emerxencia e co resto de administracións implicadas.
"Quen prenda lume de maneira intencionada non quedará impune", advirte o delegado do Goberno que asegura que "cada foco, cada faísca, cada paso está baixo vixilancia".
"Imos chegar até o final nas investigacións e quen estea detrás destes incendios sentará diante da Xustiza", apostila. Ademais, apunta que a actividade policial céntrase na recollida de indicios no terreo, na análise da inforamción achegada polos equipos de extinción e pola cidadanía e no despregamento de patrullas en zonas de risco para previr novos focos.
Así mesmo, engade que se está traballando en coordinación coas unidades especializadas en investigación de incendios forestais. Por outra banda, fai un chamamento á colaboración cidadá para que calquera información que poida axudar a identificar aos responsables sexa comunicada de inmediato ás autoridades.
O Goberno de España reitera a súa "condena rotunda a calquera acto intencionado que orixine un incendio forestal" e reafirma a súa determinación de "empregar todos os recursos dispoñibles para levar aos culpables ante a Xustiza".
Escribe o teu comentario