Sogama incentiva a recollida diferenciada cun canon que é 31€ inferior ao da bolsa negra
Apóstase así por unha xestión descentralizada da fracción orgánica, acurtando distancias entre os lugares de produción e os de tratamento e, por tanto, diminuíndo as emisións de CO2 á atmosfera derivadas do transporte por estrada
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o canon de Sogama para a xestión dos biorresiduos recolleitos de forma diferenciada a través do colector marrón, en proceso de implantación en Galicia.
O prezo polo tratamento desta fracción actualízase unicamente co IPC correspondente, pasando de 50 €/Tn en 2024 a 51,4 €/Tn en 2025; un custo para as arcas locais moi inferior ao da bolsa negra (31,6 euros menos por tonelada), constituíndo esta unha medida coa que a empresa pública pretende incentivar a compostaxe da materia orgánica e contribuír ao cumprimento dos obxectivos europeos en materia de reciclaxe.
Tendo en conta que, conforme á lexislación europea, os concellos quedaban obrigados a implantar a recollida selectiva da materia orgánica a partir do 31 de decembro de 2023, a Xunta de Galicia, a través de Sogama, propúxose axudarlles e, con tal fin, construíu e habilitou unha rede conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos, unha por provincia (Cerceda, na Coruña; Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense), apoiadas por 13 plantas de transferencia que dispoñen dunha tolva específica para o transvasamento dos residuos orgánicos, desde onde son transportados á planta de compostaxe máis próxima.
O obxectivo último desta rede, á que se destinou un investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns procederon dos Fondos FEDER-REACT como resposta á crise do COVID-19, é que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295) dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Apóstase así por unha xestión descentralizada da fracción orgánica, acurtando distancias entre os lugares de produción e os de tratamento e, por tanto, diminuíndo as emisións de CO2 á atmosfera derivadas do transporte por estrada.
Compostaxe doméstica, alternativa ou complemento
Concellos de carácter rural, cun reducido número de habitantes e unha gran dispersión da poboación, optaron pola compostaxe doméstica, propiciando que as propias familias poñan en valor os restos de alimentos e vexetais, que xestionan in situ, e pechen o ciclo de aproveitamento da materia orgánica. Noutros casos, preferiron complementar sistemas, combinando a implantación do colector marrón nos principais núcleos de poboación coa compostaxe doméstica e/ou comunitario.
Neste sentido, cabe lembrar que Sogama lidera en Galicia un programa de autocompostaje ao que están adscritas 478 entidades (231 concellos, 215 centros educativos e 32 colectivos sociais) entre as que xa repartiu, de forma gratuíta, 23.000 compostadores, ademais de impartir formación específica.
Escribe o teu comentario