Denuncian que as listas de espera na sanidade pública galega están falseadas
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) sinala nun comunicado que a Consellería de Sanidade oculta persoas en espera dentro das chamadas Listas Non Estruturais
A AGDSP denuncia nun comunicado que a Consellería de Sanidade falsea as listas de espera desviando persoas ás Listas Non Estruturais, a onde ten enviado o 36% dos e das pacientes que esperan na Sanidade Pública. Doutra parte, tamén denuncian a "corrupción" do sistema público galego de sanidade por derivar pacientes á sanidade privada ademais de incrementar os seguros privados que "xa ten contratado máis do 26% da poboación".
Desta maneira, AGDSP ofrece unha serie de puntos que, segundo eles, definen o actual estado do sistema público de saúde galego en relación ás listas de espera. Así, sinalan que:
1. Están falseadas , existe evidencia de que o 36% das persoas en espera están ocultas nas Listas Non Estruturais.
2. O Tempo de espera cirúrxico creceu un 8,4% respecto ao ano 2023, con 71 dias de espera, un 16% máis que o que marca o Decreto de Garantes de Espera (a Xunta de Galicia incumpre as súas propias leis). O máis grave é que as persoas que esperan unha intervención cirúrxica máis dun ano creceron un 48,3%. As persoas maiores e enfermos crónicos sexan as máis afectadas (discriminadas) como demostra que as esperas máis elevadas sexan en traumatoloxía (artrose, prótese, etc), oftalmoloxía (cataratas), uroloxía (problemas de próstata) ou otorrino (xordeiras).
3. O tempo de espera para consulta é de 71,6 días, creceron un 12,1%, superando nun 37,1% a lexislación de garantías. Estas listas inclúen a 220.033 persoas que supoñen o 9% da poboación galega.
4. Todos os tempos de espera de probas diagnósticas creceron (salvo en radioloxía), chamando a atención o aumento nun 60% as espera de Medicina Nuclear fundamental no control e tratamento do cancro.
5. Se sumamos todas as esperas desde o momento en que unha persoa sente enferma e acode ao seu Centro de Saúde o tempo medio para ser intervido cirurxicamente o tempo real de espera é de 225 días (sete meses e medio), aínda que hai persoas que esperan mais de dous anos.
A AGDSP denuncia tamén que o Conselleiro de Sanidade anunciou un Plan para facerlles fronte, pero que é difícil de crer dado que para aplicalo farían falta máis recursos e o gasto sanitario dos orzamentos para 2025 é practicamente o mesmo deste ano "se descontamos a inflación prevista".
Por outra parte, para a Asociación sería absolutamente inaceptable utilizar este problema para incrementar as derivacións de pacientes aos Centros Privados. As Listas de espera son utilizadas para incrementar a concertación e o aseguramento privado (xa alcanza ao 16% da poboación galega a pesar de que tamén ten listas de espera e que envía a publícaa os casos graves e custosos de tratar).
Finalmente, no mesmo comunicado, AGDSP reclama máis recursos (incrementar o orzamento sanitario en lugar de recortalo), transparencia (coñecer todas as persoas ocultas nas Listas Non Estruturais), coñecer os criterios para xestionar as mesmas, incrementar a actividade dos hospitais (moitos servizos funcionan a medio gas), "aprobar unha política de persoal que incentive a actividade do persoal e acabar coa corrupción da dedicación do persoal á pública e a privada".
Escribe o teu comentario