Sospeitoso de radicalización islamita agride sexualmente a funcionaria de prisións na Lama (Pontevedra)
Un recluso do cárcere da Lama (Pontevedra) agrediu sexualmente a unha funcionaria o venres. O preso chegou a introducirlle a lingua na boca, segundo fontes penais consultadas por Galiciapress .
O preso protagonista do incidente non era un recluso común. Está incluído na categoría FIES (ficheiro de internos de especial seguimento) CE (características especiais). O motivo da especial vixilancia é os indicios de posible radicalización islamita.
De feito, xa fora protagonista de incidentes antes, aínda que de menor calibre. Por exemplo, segundo fontes penais, négase a que as funcionarias ou os funcionarios de prisións toquen o Corán ou a interactuar coas traballadoras da prisión.
O incidente empezou cando o interno non baixou ao patio e quedou nun descansillo do cárcere lucense. Ao ser recriminado por unha funcionaria, alegou que tiña unha documentación que a notificaron e que debía ensinar aos funcionarios.
Nese momento, segundo as citadas fontes, o recluso tentou bicar á traballadora, que llo recrimina e ordénalle baixar ao patio "inmediatamente". Lonxe de depor a súa actitude, atraparía á funcionaria contra unha parede, agarrándoa do pescozo e apertando os seus xenitais contra o corpo da muller. O preso apertou os seus beizos contra a boca da funcionaria ata que logrou introducirlle a lingua. Cando a funcionaria consegue separalo, mordeulle no beizo superior.
Tras cesar na agresión, o recluso perseguiu á funcionaria suplicándolle que non denunciase os feitos, algo que non conseguiu. Outros funcionarios interviñeron nese momento pondo fin ao incidente. O recluso xa foi trasladado de cárcere. En concreto, á prisión de Teixeiro (A Coruña).
Por agora, nin a Delegación do Goberno nin o Ministerio do Interior deron información do sucedido. Hai que ter en conta, en todo caso, que o sospeitoso non ten porque estar necesariamente condenado por nada relacionado co terrorismo islámico, xa que non é infrecuente, sinalan fontes dos traballadores, que haxa recluídos que se radicalizan dentro das propias prisións.
Desde o sindicato CSIF Prisións Galicia manifestaron que están a estudar mobilizacións en repulsa do acto e denuncian que as agresións a funcionarios é están a subir en número e gravidade. A central tamén contactou coa traballadora para pór á súa disposición sobre calquera asunto que poida necesitar.
Escribe o teu comentario