Oposicións en Galicia: 21.230 persoas pelexan por unha praza de profesor e outras 606 de médico de familia

Os exames de Educación celebraranse desde sábado en 15 localidades, mentres que as do Sergas serán no recinto feiral de Silleda.


|

Archivo - Oposiciones a personal de servicios generales del Sergas, en Silleda (Pontevedra), a 4 de noviembre de 2023.
Foto: EP


Miles de persoas participarán ao longo deste fin de semana en senllos procesos de oposicións que convoca a Xunta e que se prevén multitudinarias, entre as da Consellería de Educación, cun total de 21.230 persoas que aspirarán a unha praza de profesor; e as do Servizo Galego de Saúde (#Sergas), nas que outras 606 buscarán unha vacante como médico de Atención Primaria.

Por unha banda, os exames de Educación repartiranse entre 15 localidades galegas a partir deste sábado. A Xunta convoca un total de 1.743 postos --dá a un por cada 12 aspirantes, aproximadamente--, dos cales o 86% son de novo ingreso, mentres que os restantes son de promoción interna.

Por provincias, serán seis localizacións na da Coruña: o IES Rafael Dieste da cidade herculina, o IES Plurilingüe de Ames, o CIFP Universidade Laboral de Culleredo, o IES Saturnino Montojo de Ferrol, o CIFP Compostela de Santiago e o IES Leliadoura de Ribeira.

Na de Pontevedra, será no IES Ramón Aller Ulloa de Lalín, o CIFP A Granxa de Ponteareas, no IES A Xunqueira I da capital provincial, no IES Valadares de Vigo e no IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa.

Así mesmo, na de Ourense celebraranse no IES Ramón Otero Pedrayo da cidade de As Burgas e o IES Manuel Chamoso Lamos do Carballiño; e na de Lugo haberá exames no CIFP As Mercedes da capital e no IES Terra Chá de Castro de Rei.

Das 1.743 prazas que convoca a Consellería de Educación, a maioría (875) son do Corpo de Profesores de Secundaria, ás que hai apuntadas 11.189 persoas. O segundo grupo máis numeroso é o Corpo de Mestres, con 520 vacantes e 9.011 inscritos.

A maiores, hai 84 prazas do Corpo de Especialistas en Sectores Singulares da FP con 528 inscritos, máis outras 33 no de Escolas Oficiais de Idiomas (#EOI) con 308 persoas anotadas. Ademais, convócanse 220 prazas de acceso do subgrupo A2 ao A1, neste caso con só 99 inscritos.

 

O SERGAS OFERTA 271 PRAZAS DE MÉDICO

Por outra banda, este domingo haberá exames do concurso-oposición a 271 prazas de médico de familia de Atención Primaria: 126 de acceso libre, 132 de promoción interna e outras 13 de discapacidade xeral.

Os 606 aspirantes que hai anotados terán que desprazar, no seu caso, até o Recinto Feiral Internacional de Galicia en Silleda (Pontevedra), onde as probas arrincarán ás 9.30 horas da mañá.

De todos os aspirantes inscritos, case un 5% residen fóra de Galicia e chama a atención que a gran maioría, un 76%, son mulleres. Ademais, a media de idade dos concorrentes é de 37 anos. O 38% tamén ten que realizar o exame de lingua galega por non estar en posesión do Celga 4.

Esta convocatoria do Sergas responde o proceso de estabilización ao amparo da lei estatal de 2021 para reducir a temporalidade no emprego público. De feito, a categoría de médico de familia é a última en realizar os exercicios da fase de oposición.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE