Preocupación polos atrasos na chegada a porto do petroleiro Greta K, pero Portugal indica que será este venres
O temporal na costa portuguesa imposibilitou o traslado da nave a porto para retirar a súa carga.
As autoridades porturarias portuguesas anunciaron onte que o porto de Leixões sería a localización á que remolcarían o petroleiro Greta K, un buque cargado de combustible para avións e que sufriu hai días un incendio. A nave permanece a varios quilómetros da costa portuguesa e pendente de ser levado a porto para a súa reparación e para retirar o seu cargamento ante o medo de que poida ter lugar unha vertedura do mesmo, pero desde o país veciño parecen non decidir a actuar.
O mal estado do mar foi o principal inconveniente para que aínda non se remolcase o Greta K, cuxa totalidade da tripulación -uns 19 tripulantes- foi rescatada, incluído o seu capitán. As ondas impediron que se desenvolvese o operativo previsto, mentres aínda segue pendente a investigación das causas que provocaron o incendio.
Con todo, desde Portugal sosteñen que será este venres cando teña lugar o traslado do barco. Silva Rocha, da Capitanía Marítima do Porto de Leixões explicou ao medio portugués TSF que, nestes momentos, "están a realizarse novos controis para que o buque poida ingresar con seguridade" no porto. "É para previr calquera anomalía que estamos a realizar estas últimas comprobacións técnicas e comprobando que o mar está en condicións para que o barco poida entrar con seguridade", apostila Rocha.
Desde Galicia seguen con atención o desenvolvemento deste caso, xa que de producir un escenario de contaminación, podería provocar unha importante crise medioambiental non só nas costas de Portugal, senón tamén en augas galegas, xa que os primeiros informes advirten que a vertedura do Greta K tomaría rumbo á nosa comunidade.
Escribe o teu comentario