Belén Toimil queda a 19 centímetros da medalla nun Europeo histórico
A lanzadora galega callou un excelente concurso con marca nacional na proba continental e moi preto das medallas.
A lanzadora de Mugardos, Belén Toimil, vén do Campionato Europeo de Roma cun sensacional quinto posto. Aínda que a todos gustaríanos vela aterrar en Galicia cunha medalla ao pescozo, o certo é que a galega se volve a casa coa sensación de estar na dirección correcta, tendo en conta que o gran obxectivo do verán son os Xogos Olímpicos de París. Cun lanzamento de 18,43 metros, Toimil fíxose coa mellor marca e o mellor posto dunha española nun Campionato de Europa.
Este lanzamento, o segundo da súa serie, valeulle para alcanzar o quinto posto da clasificación. O primeiro lanzamento selouno en 17 metros. Os outros catro "disparos" non superaron os 18 metros, cun quinto lanzamento nulo. A súa mellor marca quedou a 19 centímetros do bronce.
Foi un camiño máis complexo do esperado, porque na clasificación logrou o billete á final con só un lanzamento válido, sendo a décima co mellor rexistro das doce que entraban na final. A de Roma é a mellor actuación dunha Toimil que chega lanzada ás datas decisivas da tempada e que viu onde estará a vara de medir nos xogos, con Jessica Schilder e os seus dourados 18,77 metros como unha das ameazas. Á neerlandesa acompañouna no segundo caixón do podio o seu compatriota Jorinde van Klinken con 18,67 metros, cinco centímetros por encima da alemá Yemisi Ogunleye, que quedou terceira.
Escribe o teu comentario