Yoel, Pablo Insua, Rober Pier, David Costas...os galegos protagonistas nos playoff de Segunda División

Eibar, Oviedo e Sporting contan nas súas filas con futbolistas galegos que esperan dar o salto a Primeira División.


|

WhatsApp Image 2024 06 08 at 13.22.01
Os goles de Insua foron fundamentais para o Sporting | Foto: Sporting de Xixón

 

Este sábado comezan os playoff de ascenso a Primeira División. 42 xornadas despois, e co Leganés e o Real Valladolid xa cun billete de ida á elite, o RCD Espanyol, a #SD Eibar, o Sporting de Xixón e o Real Oviedo bátense en duelo pola última praza de ascenso. Catro partidos para un só premio que pode ter a un ou varios galegos de volta a Primeira despois de varios anos gañar as habichuelas en Segunda División. Con máis ou menos protagonismo nos seus equipos, os futbolistas galegos teñen por diante o reto de cruzar a última porta para a promoción.

 

UN PORTEIRO SUPLENTE E UN TITULAR...LESIONADO

Salvo o Espanyol, o resto de equipos contan con, polo menos, un galego entre as súas filas. Na SD Eibar, que quedou a un suspiro de subir, o cérbero Yoel é o representante da comunidade galega. O de Arbo é o porteiro suplente do cadro armeiro, onde Luca Zidane fíxose coa titularidade o ano pasado e xa non a soltou. Yoel empezou o curso 22/23 por diante do francés, pero co paso das xornadas perdeu o posto e este ano só puido xogar en Copa. Salvo lesión do galo, o ex de Celta, Lugo ou Valencia non terá oportunidades cos eibarreses

 

WhatsApp Image 2024 06 08 at 13.20.12
Yoel no seu único partido este ano | Foto: SD Eibar

 

Máis peso no rival do Eibar, o Real Oviedo, ten David Costas, aínda que as opcións do central vigués son moi limitadas. Fundamental nos carbayones os últimos tres anos, o defensor, que xogara todo até o choque co Espanyol, sufriu unha lesión en decembro e, ao seu regreso en febreiro, tivo que abandonar de novo a cancha afectado dunha doenza que o tivo no dique seco até agora. 

 

O seu desempeño está fóra de toda dúbida -até a lesión completara todos os minutos de liga, ademais de 120 minutos de Copa do Rei-, pero aínda non conta con rodaxe nin coa confianza necesaria como para participar nalgún dos catro partidos que poderían disputar os oviedistas. Despois de ser operado en Finlandia, Costas encara o último tramo da súa recuperación, polo que a súa reaparición podería dar, no mellor dos casos, co Oviedo en Primeira. 

 

WhatsApp Image 2024 06 08 at 13.19.02
David Costas pasou polo quirófano este ano | Foto: Real Oviedo

 

DOUS DEFENSAS E UN GOL DE PILLO

Con todas as papeletas para ser determinantes no percorrido que poida ter o Sporting de Xixón nestes playoff aparecen Rober Pier e Pablo Insua. Os dous son fundamentais no esquema de Miguel Ángel Ramírez. Salvo por lesión ou sanción, os dous defensores -aínda que actuaron en distintas demarcacións este ano, incluso facendo a extinta función do líbero- foron capitais para que os xixoneses teñan aínda opcións de ascenso. 

 

O de Oleiros, Pier, non viu porta, aínda que as súas botas asinaron nada menos que tres asistencias. O de Arzúa, Insua, si cultivou cifras goleadoras, con dous goles, contra Tenerife e Zaragoza, que serviron para sumar catro puntos decisivos na pelexa pola promoción. Os dous goles, por certo, foron co tempo regulamentario xa cumprido, o que fai aínda máis épica a achega do galego. 

 

Especialmente destacado o gol contra os de Aragón, xa que Insua, no 96, fixo o gol do máis listo da clase: quedou detrás do porteiro cando todos os seus compañeiros volvían a campo propio, polo que cando o gardameta botou o balón ao solo o central saíu das sombras para roubarlle a carteira por detrás e executar unha gran manobra para pór o empate sobre a bucina. 

 

 

Ese gol de "pillo" e indetectable levou o delirio ao Molinón que, sen ese puntiño de ouro, quedouse sen un playoff ao que accedería con 64 puntos o Racing de Santander. Un tanto que ben pode valer un ascenso a Primeira. Saberémolo en cuestión de catro partidos.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE