Previsión de até 20 centímetros de neve en Manzaneda este fin de semana para os esquiadores
A Estación de Montaña de Manzaneda estará especialmente transitada este fin de semana co regreso das neves á alta montaña ourensá.
A Estación de Montaña de Manzaneda espera unha ocupación do 100% para este fin de semana ante a previsión de até 20 centímetros de espesor de neve.
Así o sinalou nun comunicado a organización, que augura "un gran fin de semana de neve", comezando polo xoves e o venres.
Desde a semana pasada, están abertas 17 pistas, con case 15 quilómetros esquiables, "esperando poder abrilas todas durante todo o fin de semana se a meteorología acompaña". A día de hoxe, a ocupación está ao 100%, e seguirá así toda a semana, segundo indican.
As previsións que manexa a Estación aseguran que o mercurio descenderá a valores negativos ao longo da semana, con até -5 graos centígrados o venres pola noite. As nevadas serán especialmente intensas nas noites do xoves e do venres.
"Como xa é habitual, a última hora en canto a previsión de pistas abertas e quilómetros esquiables poderá consultar a través das redes sociais da Estación, nas que se publican diariamente os partes de neve", lembrou.
Escribe o teu comentario