A edición máis grande do Festival Sinsal: pasa de tres a seis días e salta das illas ao continente
Os días 24, 25 e 26 de xullo celebrarase en San Antón e San Simón; do 31 de xullo ao 2 de agosto en Vigo e outras localizacións.
No Festival Sinsal todo son sorpresas, pero este ano o seu cartel non será a única. O evento, famoso por ocultar o nome dos artistas de cada edición até minutos antes de que arrinque a xornada de música, segue crecendo a pasos axigantados e para este 2026, coa expectativa de que os billetes voen en tempo marca como vén sendo costume, o festival desdóbrase, con máis días de música e máis localizacións.
NAS ILLAS, VIGO E OUTROS PUNTOS
Aínda que tradicionalmente o festival desenvólvese dacabalo entre as illas de San Simón e San Antón, o próximo verán desembarca tamén na peninsula. Os días 24, 25 e 26 de xullo serán as illas as protagonistas, como sempre, onde botarán a áncora algúns dos grupos máis singulares do panorama internacional.
En quince edicións foron máis de 30.000 persoas as que descubriron as músicas deste evento, un dos mellor valorados do verán en todo o territorio nacional polo seu aposto non só pola música, senón por proxectar como un lugar onde a creación contemporánea e á memoria sonora teñen un peso maiúsculo, así como polo labor de divulgación e posta en valor do patrimonio histórico, cultural e natural da contorna que fan os organizadores do Sinsal.
Este 2026 a ambición é maior e, por primeira vez na súa historia, o festival terá o seu eco o fin de semana seguinte e xa fóra do arquipélago da Ría de Vigo. Desta forma, do 31 de xullo ao 2 de agosto os concertos e outras iniciativas trasládanse a Vigo e outras localidades do Camiño Portugués, estreitando aínda máis os vínculos co país veciño.
"Recoñecido neste mesmo ano como unha das mellores iniciativas culturais a nivel estatal pola Fundación Contemporánea —sendo o único evento galego situado no top 10 dos mellores festivais de música—, o Sinsal volverá ofrecer unha coidada e exquisita programación. A diversidade estilística, o protagonismo de proxectos liderados por mulleres e a estrea de numerosas bandas e solistas —tanto en Galicia como en España— serán, un ano máis, o compás que guíe a travesía", detallan os promotores, que chaman aos fans a seguir con atención todas as novidades do festival.
Escribe o teu comentario