Armand faise co premio á mellor película do 38º Cineuropa

A ficción norueguesa dirixida por Halfdan Ullmann Tøndel é elixida polo Xurado Oficial do certame como o mellor filme da sección Novas/os Cineastas, que outorgou o Premio Especial a Henry Fonda for president, de Alexander Horwath


|

Cineuropa
Cineuropa


 

Cineuropa deu a coñecer este sábado os mellores traballos da trixésimo oitava edición certame nunha gala desenvolvida no Teatro Principal que contou coas intervencións da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín e do director do festival José Luis Losa, ademais da presenza do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao e doutras integrantes da Corporación Municipal. Na cerimonia de clausura do festival fíxose lectura do ditame do Xurado Oficial, que valorou os filmes concorrentes na sección Novas/os Cineastas, e do palmarés do Xurado Novo que avaliou as películas que concorren tanto nesa como nas outras seccións competitivas desta edición: Sección Oficial Europa, Panorama Internacional, Panorama Audiovisual Galego e Docs Cineuropa

 

Ao remate da cerimonia proxectouse o filme Les Fantômes (A rede pantasma), seleccionado na Semaine de la Critique do Festival de Cannes 2024 e debut de Jonathan Millet como director de longametraxes. 

Fica aínda pendente de resolución o premio do público de Cineuropa, á agarda de coñecer as votacións dos fillmes en proxección o domingo 24 de novembro, derradeira xornada da 38ª edición do festival.


 

Palmarés do Xurado Oficial

O Xurado Oficial de Cineuropa, formado este ano polas cineastas Flávia Castro e Sonia Méndez xunto á directora de Cinemateca Uruguaya, María José Santacreu, distinguiu como mellor película Armand (A titoría), de Halfdan Ullmann Tøndel. O filme noruegués, gañador tamén do premio á mellor ópera prima no Festival de Cannes 2024, é unha película chea de matices tonais que amosa como o comportamento dos nenos non deixa de ser un reflexo do dos adultos. O xurado concedeu ademais un premio especial a Henry Fonda for president, o documental do cineasta austríaco Alexander Horwath. 

O filme Akiplėša (Toxic) valeulle á realizadora lituana Saulė Bliuvaitė o premio á mellor dirección mentres que o galardón ao mellor guión recaeu en Michael Tyburski por Turn me on. Ademais, o Xurado Oficial distinguiu as tres actrices de Les femmes au balcon (Mulleres no balcón), Noémie Merlant, Sanda Codreanu e Souheila Yacoub, co premio á mellor interpretación.


 

Palmarés do Xurado Novo

O Xurado Novo, integrado por Alejandro Alonso Rial, Antía Castillo Fernández, Carmen Mato Filgueira, Raquel Rodríguez Cocaño e Uxío Figueroa de la Fuente recoñeceu o documental Tardes de soledad, de Albert Serra, como mellor filme da edición. A xeorxiana Dea Kulumbegashvili gañou o premio á mellor dirección por April. A española Polvo Serán, de Carlos Marques-Marcet, fíxose co premio ao mellor guión, asinado polo director do filme xunto con Clara Roquet e Coral Cruz. Finalmente, os premios ás mellores interpretacións recaeron na actriz Ingrid García-Jonsson por Una ballena e Franz Rogowski por Bird.


 

Cineuropa 38

Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña. Na súa 38ª edición conta tamén co apoio do Instituto Camões, o Festival Internacional de Cine de Xixón, o festival Artekino e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais alén de diversos patrocinios de empresas e entidades da contorna de

Compostela.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE