Máis de cen artistas galegos reúnense nunha exposición na Igrexa da Universidade da man de Pitelos
O artista J. Méndez, 'Pitelos', presenta 46 retratos personificados acompañados dos seus respectivos Ovos Vitae
A mostra Constelatio - Ovoteca de Pitelos reúne a máis de cen artistas entre relatos, esculturas, ornamentación e os Ovo Vitae. Trátase dunha mostra na que as constelacións boreais, aquelas situadas no hemisferio norte, cobran vida en recoñecidas figuras do panorama artístico galego, figuras mitolóxicas e zodiacais que se personifican en retratos a través da man e a creatividade do pintor santiagués José Manuel Méndez Rodríguez, 'Pitelos'.
Nesta nova edición, o artista J. Méndez presenta 46 retratos personificados acompañados dos seus respectivos Ovos Vitae, estruturas creadas polos artistas participantes e máis de 60 pezas da mesma colección.
A proposta de montaxe, comisariada por Adriana Pazo Ottón, ofrece unha experiencia de carácter inmersivo que intensifica o espazo e multiplícao atmosféricamente para producir efectos psicolóxicos sobre o espectador e visitantes, unha reflexión non só sobre o percorrido da mostra, senón tamén sobre o propio espazo e estrutura da igrexa. Convídase así ao visitante "a unha viaxe íntima, inmersivo, dotado de múltiples significados".
A propua sustancia de Constelatio tende pontes cara a todas as épocas dialogando coa arquitectura do espazo, coa súa ornamentación na formulación da montaxe e a concepción escenográfica dos elementos portantes como soporte dos retratos.
Así, convértese entón nun xogo de "exacerbación efectista realizando unha fusión ilusoria e material coa arquitectura, a escultura e a pintura que habitan a Igrexa", explica a comisaria da exposición.
Constelatio tamén fala da conciencia de ser parte dun universo infinito, gobernado por leis eternas, alleo á lóxica e o control da mente humana.
"Un universo plural, ilimitado en configuracións, aparencias e expresións, marcado polo hibridismo das formas e os elementos", explican. Reúne, pois, complexos temas alegóricos plásmanse en imaxes fortemente evocadoras onde a atmosfera dos mitos antigos volve vivir nun ambiente onde se pode experimentar o asombro do humano ante o divino".
A exposición estará aberta ao público até o 10 de novembro, os mércores, xoves e venres de 17:00 a 21:00; sábados de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00, e domingos de 11:00 a 15:00.
Escribe o teu comentario