Case un de cada tres españois recrutados polas forzas armadas de EEUU na Segunda Guerra Mundial eran galegos
Unha trintena de emigrados desde Galicia serviron en ultramar, dos cales nove faleceron e outros 19 resultaron feridos
Os galegos eran os máis numerosos entre os cidadáns de nacionalidade española que foron recrutados polos Estados Unidos para as súas forzas armadas durante a Segunda Guerra Mundial. En concreto, unha investigación desenvolvida polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Fernández Castroagudín determinou que o 30,8% dos soladaos españois que prestaron servizo ao país norteamericano viñan de Galicia.
Así o conclúe este estudo realizado en colaboración con Óscar Galansky López, Jesús González Beade e Rubén Travieso Díaz, da Asociación GRH Big Rede One 'Manuel Otero'. Os resultados foron presentados recentemente no décimo sexto Congreso da Asociación de Historia Contemporánea, celebrado en Logroño .
O obxectivo foi analizar de forma sistemática o perfil e a traxectoria dos emigrantes galegos que formaron parte do exército dos Estados Unidos durante o gran conflito internacional. Para iso, realizouse un proceso de procura nos rexistros militares da National Arquives and Records Adminitration, con sedes en Maryland e Saint Louis.
Despois do estalido da Segunda Guerra Mundial en 1939, os #EEUU mantiveron unha postura inicial de neutralidade, que durou até o ataque xaponés a Pearl Harbor, en Hawai . Así, coa entrada do país no conflito a finais do 1941, ampliouse o rexistro militar a todos os homes, estadounidenses ou estranxeiros, con idades entre 18 e 64 anos, e declaráronse seleccionables todos os homes capaces entre 20 e 44 anos.
"Estímase que máis de 19.000 homes españois residentes nos Estados Unidos, naturalizados ou non, foron rexistrados baixo a Selective Training and Service Act, dos cales unha porcentaxe significativa foi recrutada e serviu nas diferentes ramas das forzas armadas estadounidenses", afirman os investigadores.
Tras a análise dun total de 1.227 rexistros de españois recrutados polo US Army, comprobaron que a comunidade máis afectada foi Galicia, con 345 alistados, seguida por Andalucía , a cornixa cantábrica (Asturias, Euskadi e Cantabria) e Castela-León. Entre todas elas, sumaban case o 80 por cento.
Máis concretamente, a provincia con máis alistados foi A Coruña, con 192, e tamén foi a que tivo o maior número de recrutados. Seguíronlle Pontevedra, Lugo e Ourense.
"Daqueles nos que se coñece o municipio ou parroquia de orixe, pode observar a existencia dunha especialización xeográfica, cun agrupamiento nas zonas costeiras atlánticas, sobre todo na Mariña coruñesa, con Sada como o municipio máis frecuentemente inscrito, e a zona das Rías Baixas", explican os investigadores.
O lugar de destino dos emigrantes galegos máis frecuente foi Nova York, seguido de Nova Jersey, Pennsylvania, California e Florida. Aínda que o estado civil era similar entre todos os españois, os emigrantes galegos "presentaban maior taxa de dependentes ao seu cargo diferentes do cónxuxe".
Tamén tiñan un maior cociente de estudos básicos e menor de estudos secundarios ou superiores. Ademais, a poboación galega tendeu a presentar maiores taxas de ocupación no sector servizos e na industria e construción, mentres que o resto de España contaban con máis operadores de maquinaria fixa e móbil.
Identificáronse até a data 30 emigrantes nados en Galicia que serviron en ultramar. Deles, reportáronse nove falecidos en combate, dous deles desaparecidos, e un total de 19 feridos.
Escribe o teu comentario