"A impunidade do acoso sexual xa non é unha opción", proclama o audiovisual galego

Tamara Canosa, vicepresidenta da Academia bota en falta homes que recoñezan comportamentos violentos que tiñan normalizados.


|

Harvey WeinsteinAs denuncias contra Harvey Weinstein destaparon os abusos.


Aínda que non lles consta ningún caso de acoso sexual da "magnitude" do protagonizado polo produtor Harvey Weinstein, as actrices galegas avisan: "o abuso de poder sempre existe".


En plena efervescencia da campaña #MeToo e o 'Time's Up', en conversación con Europa Press, o presidente e a vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual e a presidenta e unha vogal da Asociación de Actores e Actrices de Galicia manteñen que na comunidade autónoma non hai ningún caso "tan sanguento" como o de Weinstein debido a que "aquí a industria é relativamente pequena".


Celebran o significado de toda esta "revolución", e cren que "chegou o momento de romper o silencio". "A impunidade xa non é unha opción", sentencian.


"MÁIS VULNERABLES"


Con todo, avogan por partir da base de que "case todas as mulleres sofren situacións de acoso no seu traballo", en palabras de Tamara Canosa, a vicepresidenta da Academia.


Sen coñecer ningún caso particular, Canosa apela a que a precariedade laboral do sector en Galicia "dificulta" dar un paso á fronte para denunciar situacións coma as que estes días enchen as páxinas dos xornais de todo o mundo.


Ante isto, o presidente da Academia, Carlos Ares, móstrase rotundo: se o houbese, "habería que actuar con toda contundencia e apoiar ás vítimas".


Do mesmo xeito, a presidenta da Asociación de Actores e Actrices, Nieves Rodríguez, subliña que o sindicato está "aberto a calquera vía", sempre medindo o que é legalmente posible e escoitando as peticións da vítima, que é "a que ten que decidir sobre a denuncia".


A actriz Laura Míguez, vocal e responsable da comisión de igualdade nesta asociación, considera que o movemento #MeToo --que naceu en 2006 e do que xa fixo o BNG a súa particular réplica en 2016 co hashtag #PrimAcoso-- é "moi necesario tamén aquí". Chama a "aproveitar o escaparate" que supón Hollywood, pola súa repercusión en todo o mundo.


"NON PODE SER UNHA MODA"


Outra cuestión que preocupa ás actrices galegas e tamén aos homes do sector é o da fugacidade deste tipo de campañas.


Tamara Canosa asume que "o efecto das campañas é efémero", pero tamén o ve "positivo", polo que pode supoñer para que haxa un cambio "de discurso".


Sobre este punto, precisamente, maniféstase Canosa cando bota en falta "o outro lado": "Homes que fixeron cousas que tiñan normalizadas, un certo grao de violencia na súa forma de relacionarse, e que digan 'eu fixen isto", expón.


Pero recalca o "valioso" dun movemento que serve para "desnormalizar algo que está moi normalizado" como o acoso. "Está súper asumido, e cando unha actriz de Hollywood, coa capacidade que ten para crear discurso, desnormaliza isto denunciándoo, cambia o discurso", chama a atención.


MANIFESTO DE CATHERINE DENEUVE


Tampouco quere esta actriz utilizar balas contra "ningunha muller", pero deixa claro que non comparte os argumentos do manifesto subscrito por Catherine Deneuve, contra o "puritanismo sexual" e polo "dereito a importunar". "A integridade física si que é un dereito", exclama.


A xuízo de Míguez é un escrito "absurdo" tendo en conta o que pretende o feminismo en contra do acoso sexual, mentres que Nieves Rodríguez se "inhibe" ao interpretar que "todo é moi debatible" e Carlos Ares ve que esta "grandísima actriz" francesa está "equivocada", xa que "non se trata de enfrontar mulleres con mulleres".


"Debemos ser conscientes (os homes) de que non fixemos o suficiente, e apoiar ás mulleres en todas as súas reivindicacións. A loita pola igualdade real é das máis xustas da humanidade", conclúe.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE