A alerta na costa baixa ao nivel laranxa aínda que segue o forte vagallón
A situación tende a normalizarse no mar, tras a alerta vermella superada na xornada do mércores.
A costa galega mantense en alerta este xoves polo vagallón que o mércores obrigou a activar a alerta vermella na Coruña e Lugo. Esta xornada agárdanse ondas de ata 8 metros, menos que os 10 e os 15 que alcanzaron o día anterior, por iso a situación de risco descende ao nivel laranxa.
En canto ao ceo, ao longo do día tenderá a estar nubrado ou cuberto en Galicia e espéranse choivas ao final do día no litoral noroeste.
O peor do temporal pasou o mércores, deixando algunhas incidencias nos puntos máis próximos ao mar. Os servizos de emerxencia da Coruña cortaron o paso peonil e o carril de circulación máis próximo ao paseo marítimo
Tamén quedou cortado ao tránsito de peóns a zona entre o obelisco Millenium e o edificio de Facenda, ademais dos accesos á cúpula do Matadoiro e ao Aquarium Finisterrae.
En Cariño resultou danado e derrubado parte do espigón do porto á primeira hora da tarde, coincidindo cos momentos máis fortes da alerta.
O alcalde contou que, a pesar diso, non houbo que lamentar feridos nin danos persoais, dado que a zona está pechada e vixiada. O rexedor apunta, con todo, que "non é a primeira nin a segunda vez" que o espigón resulta danado en circunstancias similares, polo que a derriba do espigón está a converterse en algo "cíclico".
Neste sentido, advertiu que "non é un dano menor", dado que se trata de bloques fundidos de formigón, e que, aínda que outras veces se reparou "reforzándoo de maneira máis intensa", chama a buscar "unha alternativa definitiva".
Escribe o teu comentario