Pacientes "tirados en corredores" dun hospital "que ten dous anos"

|

Cunqueiro 5


O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tachou de "bochornoso" ver "fotos de cidadáns de Vigo tirados en corredores, algúns en cadeiras de rodas, outros en cadeiras de despacho" nun hospital, o Álvaro Cunqueiro, "que ten dous anos", e que a pesar diso ten un "problema gravísimo de espazos" e de falta de persoal.


Así o manifestou o rexedor olívico, quen lamentou que "os colapsos en Urxencias son totais", e criticou que "non se previron espazos para momentos de picos de atención" coma os actuais. "Como deseñaron ese magnífico hospital privado?", ironizou.


Caballero reclamou que se tomen "decisións políticas urxentes", que pasan por ampliar os recursos, o persoal e crear unidades específicas "para este tipo de situacións", tras constatar a saturación das Urxencias do hospital, onde houbo persoas que "estiveron oito horas esperando sen ningunha atención".


"BOICOT" Á SANIDADE


O xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Félix Rubial, censurou estas declaracións ao entender que o alcalde olívico "atacou a sanidade pública viguesa" cunhas palabras que son "inasumibles e intolerables", porque poñen "en dúbida o traballo dos profesionais".


Rubial lamentou estes comentarios, e reproboulle a Caballero que ataque "unha sanidade que nin coñece nin lle preocupa", porque nos dous anos e medio que leva aberto o Hospital Álvaro Cunqueiro, "aínda hoxe non foi a primeira vez" que se puxo en contacto coa Xerencia para preocuparse por como funciona o centro nin para felicitar aos profesionais polos seus logros.


"É frustrante que a máxima autoridade da cidade onde se empraza --o Chuvi-- manifeste este deixamento, esta despreocupación polo que pasa, e utilice determinadas circunstancias, como a situación da gripe, para boicotear a sanidade pública para beneficiar os seus propios intereses", manifestou, insistindo en que desde que abriu o HAC, a área sanitaria de Vigo rexistra "as mellores cifras da súa historia".


Así, reivindicou que "hai unha chea de profesionais facendo o seu labor da mellor maneira posible, facendo un gran esforzo e arrimando o ombreiro para dar a mellor resposta canto antes".


Ademais, tras negar que haxa pacientes "tirados nos corredores" e aclarar que só algúns esperan en corredores para facer probas, Rubial apuntou que o modelo de atención que se aplica en Vigo prioriza os pacientes en función da súa gravidade, polo que "si é posible que persoas con problemas banais esperen máis do habitual nesta época con maior volume de pacientes".


relacionada ​O Sergas recoñece unha peor atención na onda de gripe a pesar de sumar cen reforzos cada día
relacionada Os sindicatos atribúen o "mal endémico" dos colapsos a un modelo de "recortes"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress