Traslandan o 'Chicle' á prisión da Lama para que non se atope co seu antigo clan

|

Chicle garda civilO seu pasado persegue ao 'Chicle' na prisión de Teixeiro.

O traslado de prisión do autor confeso da morte de Diana Quer, José Enrique Abuín Gey, solicitado polo centro penal de Teixeiro non o levará moi lonxe. Institucións Penitenciarias, tal e como sinalan fontes penais, decidiu trasladalo á prisión pontevedresa da Lama, para afastalo de presos pertencentes ao seu antigo clan, 'Os Fanchos'.


Segundo apuntan, a decisión débese a motivos de seguridade, ao temer represalias contra 'o Chicle' polos seus delitos anteriores. Ademais, o caso de Diana Quer pode carrexarlle problemas con outros presos que nada teñen que ver co seu pasado.


Cúmprese así a petición da propia prisión de Teixeiro, que foi analizada nunha xunta de tratamento extraordinaria celebrada o luns. Agora, a dirección da administración de prisións toma a decisión, que se fará efectiva este mércores, previsiblemente, cando o xuíz dea a autorización.


PREVENCIÓN DE SUICIDIOS


Á espera de que se leve a cabo o seu traslado, o autor confeso da morte de Diana Quer permanece no módulo de ingresos. En concreto, nesta zona do cárcere só residen algúns presos de confianza das autoridades que realizan tarefas auxiliares.


Alí, Abuín Gey permanece nunha cela só, cunha xanela que o comunica coa da beira, onde reside o interno de apoio que o observa xa que, como lembraron estas fontes, o 'Chicle' continúa baixo o protocolo de prevención de suicidios.


SEN INDICIOS CONTRA A MULLER


O Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira decidiu este martes sobreseer de forma provisional as actuacións contra a muller de Enrique Abuín en relación á desaparición e morte de Diana Quer, dado que non existen indicios suficientes da súa participación nos feitos.


En concreto, o auto apunta que a última versión dada por Rosario R., na que indicaba que permaneceu no seu domicilio a noite do 21 ao 22 de agosto de 2016, "resulta contrastada polo resto de dilixencias practicadas", en especial polos datos do seu teléfono móbil.


Do mesmo xeito, o auto recoñece que no informe remitido polo Instituto Nacional de Toxicoloxía "non se desprende a existencia de indicios" da participación de varias persoas nos feitos. Por iso, o xuíz considera que non hai indicios para investigala nin como autora nin como cómplice da morte de Diana Quer.


RESULTADOS DA AUTOPSIA


Por outra banda, previsiblemente este mércores poderían trasladarse ás partes os resultados do informe preliminar da autopsia realizada ao corpo de Diana Quer, e co que se espera determinar as causas da súa morte, segundo confirmaron a Europa Press fontes xudiciais.


Con este informe, espérase despexar dúbidas sobre como morreu a moza madrileña, se como sostén o presunto autor da súa morte foi vítima dun atropelo fortuíto ou, pola contra, por esganamento, outra das hipóteses expostas ao redor deste caso.


Desde o primeiro momento, a Garda Civil descartou que a moza morrese vítima dun atropelo, aínda que, ata coñecer o resultado da autopsia, evitou pronunciarse sobre as circunstancias da súa morte. Tamén se remitiu á autopsia para determinar se houbo ou non agresión sexual.


relacionada ​Unha irmá do 'Chicle' denuncia "ameazas" recibidas pola súa familia
relacionada ‘O Chicle’ non foi detido antes por falta de probas sólidas que o incriminasen
relacionada ​O avogado do 'Chicle' deixará a súa defensa se lle está a mentir na súa versión dos feitos
relacionada Institucións Penitenciarias planea cambiar de prisión a Enrique Abuín
relacionada ​A nai de Diana Quer provoca un 'efecto chamada' a favor da prisión permanente

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress