​Unha irmá do 'Chicle' denuncia "ameazas" recibidas pola súa familia

"O asasino é meu irmán, non somos nós", lamenta a irmá que, ademais, perdeu o seu traballo.


|

Fachada o chiclePintadas na vivenda do 'Chicle' e a súa muller.


María Abuín, unha das irmás do asasino confeso de Diana Quer, José Enrique Abuín Gey, denunciou este martes que recibiu "ameazas" por redes sociais e viu "malas miradas" pola rúa. Ademais, foi despedida do seu traballo pouco despois coñecerse a identidade do presunto asasino.


En declaracións a Antena 3, María Abuín mostrouse "moi avergoñada" e "farta" de que a súa familia e o seu fillo estean a recibir "ameazas" por Facebook e "tantas malas miradas" por parte dos veciños da localidade na que residen. "Por iso quero dar a cara, para que saiban que nós non temos a culpa", asegurou.


María Abuín contou que non falaba co seu irmán, 'O Chicle', desde había cinco anos debido a unha discusión entre el e o seu marido tras negarse a prestarlle unha cantidade de diñeiro: "É unha persoa que sempre che pide as cousas", comezou, para seguir dicindo que o seu marido se negou a deixarlle máis diñeiro. "Díxome: 'Ata aquí, estás a deixarlles diñeiro a eles e ti estás a deixar os nosos pagos sen facer'".


Foi entón cando, segundo declarou, 'O Chicle' denunciou o marido da súa irmá por malos tratos: "O meu marido botou unha noite no calabozo ata que eu tiven que ir declarar para poñelo en liberdade", afirmou. Así, María Abuín queixouse e resolveu: "Eu non son a asasina, nin a miña familia", e engadiu: "O asasino é 'O Chicle', o meu irmán, non somos nós".


Tamén asegurou que perdeu o seu traballo nun bar do municipio --no que traballaba desde o mes de xullo-- despois de que o seu xefe soubese que era a irmá do 'Chicle': "Díxome que era porque non superei o período de proba", detallou. María sinalou que, tras a detención do seu irmán como presunto asasino de Diana Quer "chegaron as cámaras" ao bar e tivo que abandonalo. "Cando fun ao traballo e chegou o meu xefe díxome que non eran cousas persoais pero que estaba despedida", lamentou.


NOVAS PINTADAS


Mentres, a vivenda do autor confeso da morte de Diana Quer e da súa muller, situada no municipio de Rianxo, amenceu este martes con novas pintadas.


En concreto, na fachada da casa unifamiliar situada na parroquia de Outeiro pódense ler, escritas en letras vermellas, as palabras 'Violador', en referencia ao 'Chicle', 'Puta encubridora' e 'Fóra de Taragoña'. A vivenda permanece coas persianas baixadas e sen actividade, informaron a Europa Press fontes próximas.


Este mesmo martes, o xuíz de Ribeira que instrúe o caso deixa de investigar á muller de Enrique Abuín ao non ver indicios da súa implicación na morte de Diana Quer nin como cómplice.


relacionada ‘O Chicle’ non foi detido antes por falta de probas sólidas que o incriminasen
relacionada ​O avogado do 'Chicle' deixará a súa defensa se lle está a mentir na súa versión dos feitos
relacionada A casa de 'O Chicle' amence con pintadas e ameazas na súa fachada
relacionada O informe da autopsia de Diana Quer atrásase

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE