​Compostela Aberta presenta os orzamentos máis altos desde 2009

O goberno asegura que PSdeG e BNG "viabilizarán" a aprobación das contas, que destinan 108 euros por habitante a gasto social.


|

MariarozasconcellosantiagoMaría Rozas, nunha rolda de prensa. Foto: Concello de Santiago


Os orzamentos para 2018 do Concello de Santiago ascenden a uns 110 millóns de euros, máis de 113 se se suman as empresas municipais, o que significa que son as contas máis elevadas do Consistorio desde 2009. Entre as liñas principais que destaca o goberno local, atópase o gasto social, que pasa de 71 euros por habitante en 2015 a 108 euros por habitante, que poñen "as persoas no centro" das políticas locais.


A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, foi a encargada de detallar os números que manexará o Concello, se sae aprobado o borrador de orzamentos tal e como prevé o goberno local como máximo a principios do ano que vén. As contas sitúan ao alcalde, Martiño Noriega, no departamento con menor orzamento, 1 millón de euros para actuacións como normalización lingüística, protocolo ou publicidade.


No lado oposto está a carteira da propia María Rozas, tendo en conta que as nóminas do persoal municipal, o groso dos 45 millóns de euros que manexa, dependen do seu departamento. Precisamente, sobre os soldos dos empregados públicos, a concelleira de Economía e Facenda explicou que se preveu un incremento do 2%, o escenario "máis optimista" que os sindicatos negociaron co Goberno central e que, en todo caso, só será de aplicación coa entrada en vigor dos Orzamentos Xerais do Estado.


O borrador de orzamentos agora terá que ser elevado ao pleno municipal para a súa aprobación inicial, un pleno que se prevía celebrar en decembro pero que, por problemas "técnicos", está pendente aínda da data definitiva.


APROBACIÓN DAS CONTAS


En todo caso, o propósito do goberno local, que dirixe Compostela Aberta, é "convocar" o pleno neste mes de decembro, o que permitiría ter aprobadas as contas de forma definitiva mesmo no primeiro mes de 2018 (á aprobación inicial séguenlle 15 días de alegacións e, de habelas, noutro pleno someteríanse as contas a aprobación definitiva).


Para iso, e segundo respondeu María Rozas a preguntas dos xornalistas na rolda de prensa de presentación dos orzamentos, contarán co beneplácito de dous dos grupos da oposición, PSdeG e BNG, que "participaron" en conversacións dos orzamentos desde o mes e outubro, o que fai que o documento, segundo as súas palabras, sexa "coral".


Así, dixo que teñen o compromiso de que "viabilizarán" as contas, aínda que non coñecen o sentido do voto de socialistas e nacionalistas, mentres que o PP coñeceu este mesmo martes o borrador de orzamentos.


EXPANSIVOS


Son, en palabras de María Rozas, uns orzamentos "expansivos froito do esforzo feito en captación de fondos e coa mirada posta na consolidación das políticas públicas e liñas estratéxicas desde 2015".


Ademais, inclúen un incremento no capítulo de gastos en todas as áreas, salvo a destinada ao pago da débeda bancaria, "froito da boa saúde económica e do esforzo realizado nos anos anteriores, que permiten ter unhas contas saldadas", destacou a edil de Facenda. O capítulo de débedas redúcese un 26,73% e en intereses un 44,26%.


En políticas sociais rexístrase un incrementa un 26% no que se inclúe o servizo de axuda do fogar (o dobre da destinada en 2015), o incremento das bolsas de comedor escolar e actividades extraescolares (ata os 600.000 euros) e talleres de emprego.


Ademais, quedaron incorporados automaticamente os orzamentos participativos (1,5 millóns de euros), que teñen, entre outras actuacións, a realización de parques biosaludables e infantís, hortas urbanas, un carril para bicicletas e zonas de lecer cubertas.


relacionada Noriega cre que a "maioría progresista" sacará adiante as contas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE