Seleccionada en Sundance a curta 'Matria' sobre o "falso mito do matriarcado galego"

Álvaro Gago, director da curta, pretende "fomentar a igualdade" entre homes e mulleres, o que para el é sinónimo de "futuro".


|

Matria sundance'Matria' chega a Sundance. Foto: @agagodiaz


'Matria', a curtametraxe que trata de visibilizar o "falso mito" do matriarcado en Galicia, dirixida polo galego Álvaro Gago, foi seleccionada no Festival de Sundance 2018 (principal festival de cinema independente dos Estados Unidos que se celebrará entre o 18 e o 28 de xaneiro) e proxectarase tamén no Festival Internacional de Verín (7 e 8 de decembro).


'Matria' narra "un día rutineiro na vida de Ramona, unha muller que traballa nunha fábrica de conservas", tal e como manifestou o seu director, Álvaro Gago. O cineasta revelou a Europa Press que "o diferente ese día que se conta na película é que a súa neta está de aniversario" e "Ramona ten que arranxarse para chegar a darlle un agasallo". É aí cando "xorden os obstáculos da súa rutina que lle impiden seguir adiante".


Álvaro Gago asegurou que "nun inicio, a curta non estaba politicamente orientada" e que "ese sentimento de compromiso coa muller foi xurdindo aos poucos". A finalidade do director era "transmitir a historia dunha muller que foi importante" na súa mocidade.


Con todo, a medida que se rodaban as escenas, Gago explicou que "se foi orientando cara a ese obxectivo final" que persegue a obra: "desmentir o falso mito do matriarcado en Galicia". O cineasta apuntou que este "é un deses mitos que desde pequeniños lles inculcan aos nenos", a pesar de "non ser verdade".


A título persoal, o director comentou que tenta "participar con todo o que podo na visibilización da muller", para "loitar pola igualdade", que para el é sinónimo de "futuro". Así, mantense fiel á súa premisa de que "o cinema ten que ter unha vertente comprometida coa realidade que retrata".


SELECCIÓN PARA SUNDANCE


O director de 'Matria' transmitiu a Europa Press a súa "enorme alegría" ante a selección da súa curtametraxe para o festival de cinema independente de Sundance. Pero, a pesar de que se mostra "satisfeito por tal mérito", incidiu en que a súa alegría débese "ao recoñecemento de todo o equipo que hai detrás de cámaras", o cal traballou "moi duro" na creación da obra.


Gago explicou que "este festival axudará a visibilizar esa concepción irreal do matriarcado". Neste sentido, incidiu en que "chegará a máis xente e iso permitiralles reflexionar sobre esta cuestión". Con todo, o director mostrouse "realista" ao asumir que "é moi difícil cambiar as cousas só a través do cinema", pero cre que "estar aí é un paso cara a adiante".


relacionada A curtametraxe 'Matria' do galego Álvaro Gago gaña a 47ª edición do Festival Alcine

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE