​Feijóo reitera que non é "partidario de pedir un concerto económico para Galicia"

|

Urkullufeijoo


O presidente da Xunta rexeitou reclamar "unha cota" para Galicia coma o concerto que ten o País Vasco co Estado, pero volveu a reclamar que no deseño do financiamento autonómico se teñan en conta os custos por habitante que supón a prestación de servizos para as comunidades, singularmente a sanidade, fronte a un criterio estritamente de masa poboacional.


"Non son partidario de pedir un cota para Galicia e nunca a pedín", manifestou, nunha entrevista en RNE, na que indicou que a súa proposta é que o financiamento sexa "o resultado" de calcular as "necesidades" que cada comunidade ten en servizos sociais, sanidade e educación. "Non ten connotación identitaria nin ideolóxica", sinalou.


Feijóo incidiu en que unha cota "depende de como se ache" e que unha "cota galega con carácter xeral, se se fai dunha forma convencional, sería moi discutible". En todo caso, concluíu que non é ese a súa formulación para Galicia.


"NADA QUE OCULTAR"


Sobre o acordo co País Vasco, que foi validado no Congreso cos votos favorables de PP, PSOE, Podemos e outros partidos, Feijóo volveu pedir información, aínda que non o cuestionou e lembrou que é consecuencia dun "precepto constitucional".


"Non coñecemos o contido e alcance desa negociación, nin como se fixeron as contas; probablemente non haxa nada que ocultar na cota e parece razoable que se explique un pouco iso", sinalou. Neste sentido, considerou que "a ninguén lle debe molestar" que se pregunte polos datos de como se acha a cota que paga Euskadi tras recadar os seus propios impostos e antes de facer as transferencias ao Estado.


DISPERSIÓN


Sobre o deseño do financiamento autonómico, o mandatario autonómico abundou na idea de que non custa o mesmo prestar un servizo a unha poboación de 500.000 habitantes que vivan nun barrio de Madrid que aos habitantes da provincia de Ourense, xa que unha das "características" da poboación galega é a "dispersión", así como o envellecemento.


Precisamente, respecto desta última cuestión, puxo o exemplo da prima que cobran as mutuas por un seguro de saúde, de maneira que ilustrou con que non paga o mesmo un adulto de 40 anos sen ningunha enfermidade crónica que unha persoa de 85 anos, xa que o seu "risco" de saúde é moito máis alto.


Desta forma, pediu aplicar esta mesma lóxica ao financiamento das autonomías, tendo en conta que o gasto en sanidade é o "máis alto" que teñen entre as competencias transferidas, e que o sistema "financie o custo dos servizos públicos" real.


O mandatario galego volveu insistir que o actual sistema de financiamento autonómico foi "pactado" de forma "bilateral" entre a Generalitat de Cataluña (tripartito) e o Goberno central naquel momento, dirixido por José Luis Rodríguez Zapatero, e "despois chamouse" ao resto de comunidades. "Ese é o sistema que está en vigor que, non contenta a todos e que, sorprendentemente, Cataluña é a que máis se queixa", apuntou.


CONFERENCIA DE PRESIDENTES


Preguntado pola información que publica ABC sobre que Rajoy quere unha Conferencia de Presidentes o primeiro trimestre de 2018 na que participe Cataluña, e se considera que debe abordarse o sistema de financiamento nese foro, Feijóo contestou que esa reunión parécelle "un instrumento moi útil". "É bo que alí falemos todos", agregou.


De feito, Feijóo sinalou que o debate actual do financiamento autonómico bebe da anterior reunión, na que as comunidades quedaron en nomear un experto relator (no caso galego é Santiago Lago) para elaborar unha proposta de financiamento e que, segundo dixo, no caso de Galicia "está practicamente pechado".


Sobre a validación do financiamento autonómico, Feijóo manifestou que "non debe haber" novo sistema de financiamento autonómico sen que Cataluña e os socialistas se incorporen ao acordo. "Sen o Partido Socialista non debe haber un sistema de financiamento novo e facer un sistema sen Cataluña, fáltanos o 20 por cento da economía española", manifestou.


relacionada Pontón cuestiona se Feijóo está "do lado de Montoro" ou de Galicia no financiamento autonómico
relacionada A cota vasca xera receos polo financiamento autonómico do resto de comunidades
relacionada ​En Marea pide un trato especial no financiamento e o PP, "evitar que Galicia saia perdendo"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress